sábado. 23.11.2024

Suso Díaz (Ludeiros, Manín, Lobios, 1971) tiña un libro pendente co val da súa infancia e contas pendentes contra os poderes escuros que estragaron para sempre, “polo menos para a miña xeración”, di, aquel anaco de mundo, o seu. Suso Díaz rescata en Asulagadas a vida feliz daqueles días e xentes vítimas do deus do progreso, ignoradas, desprezadas, pero cuxa memoria abrolla poderosa nos versos canda os restos da destrución con cada seca. “Foi un libro que se foi escribindo durante anos e que se segue escribindo”, di o autor.

Como empezou?
Era un libro que se foi demorando. Mais no outono de 2018 fixemos unha visita, durante unha destas secas grandes, á aldea da miña muller. Pedro, o noso fillo, quería que lle contaramos a historia de Aceredo. Aquel mesmo día, despois de toda a tarde paseando pola aldea, naceu un poema. Foi tan grande o impacto, especialmente para a miña muller, mais tamén para min, que tiven que escribir alí mesmo, de volta cara a estrada. Ese foi o detonante.

Vostede facía vida en Aceredo e nas outras aldeas asulagadas como Buscalque, O Vao, Reloeira?
Ludeiros pertence á parroquia de Manín. A Igrexa parroquial estaba en Aceredo. No Vao estaban os comercios... na Reloeira e Buscalque, algo menos. 

Como foi o proceso de escritura?
Pois case compulsiva ao principio. O libro foi madurando. Escribín durante un ano e para finais de 2019 estaba rematado. Quixen publicar con Positivas porque entendín que esta obra seguía a liña dunha anterior sobre o Couto Mixto: A utopía que diluíu o vento.

Mais non se publicou até 2021...
Eu non estaba contento de todo con telo escrito en galego normativo. Sentía que debía estar presente a variante dialectal da nosa zona. Paco Macías, o editor, díxome que adiante. E por iso demorei un ano. Tiven que traballar para recuperar palabras. E entre medias veu a pandemia que fixo máis difícil todo.

Nestes anos volvestes a Aceredo?
Non até este pasado novembro. Aquela visita no 2018 causounos moita dor. Non, non puidemos volver até hai uns meses.

É un libro triste, serviu para calmar esa dor?
Non é un libro triste. Espero que as lectoras e os lectores non se queden con esa idea. Hai tristura, desacougo, certa rabia, xenreira... É unha homenaxe para as mulleres do val que se opuxeron ao encoro, as que mantiveron viva a esperanza. É unha homenaxe ás avoas e aos avós cos que me criei até que fun para Ourense porque meus país estaban na emigración. Quixen facer iso seguindo a memoria do neno que viviu alí aquel tempo. Despois volvín alí xa mozo. Aquilo foi unha despedida e ese tempo tamén está no libro. Non, non é un libro triste. Pero si, tamén foi unha forma de desafogo.

Suso Díaz, poeta da Baixa Limia. cruzando a Ponte Nova de Entrimo, indo para Aceredo, na antiga estrada N-540
Suso Díaz, na Ponte Nova de Entrimo, indo para Aceredo, na antiga estrada N-540

 

Moitos poemas están dedicados a algunha persoa, por que esa necesidade?
Son xente que dalgunha maneira estivo vinculada ao val. Quería telos presentes. Dalgunha maneira o libro non é meu. Dalgunha maneira é de todos eles... e case da miña muller, Mari Paz, máis que meu.

O que vemos hoxe cando baixan as augas son ruínas, mais como contas ti, por exemplo ao teu fillo, o que foi o val?
É difícil que se poidan facer unha idea, malia as fotografías. Hoxe aquilo é un campo de guerra, escuro, gris... O val era un sitio colorido, vizoso, dábase o millo, patacas, mesmo tabaco. Había cantidade de leiras, a convivencia: eramos unha comunidade. Van aflorando sentimentos, é duro e difícil explicarlle o que foi. Faltan as cores, falta a igrexa, que impoñía... faltan as cores.


Hoxe aquilo é un campo de guerra, escuro, gris... O val era un sitio colorido, vizoso, dábase o millo, patacas, mesmo tabaco”


Por que agora se está empezando a recuperar a memoria do que aconteceu no Limia, ou é coincidencia que aparezan o documental ‘Os días afogados’ e o libro de Manuel Rivero sobre As Conchas e agora o teu?
Penso que é unha coincidencia. Mais é bo que se faga memoria. O documental témolo na casa, pero aínda non fomos capaces de velo. O libro de Rivero paréceme maxistral, e chega moi fácil malia o volume de documentación. Aínda teñen que saír máis traballos. No caso do Lindoso hai moita documentación gráfica.

Suso Díaz, poeta da Baixa Limia. subindo polo portelo que ía do Soutiño e que unía esta parte máis alta da aldea coa estrada N-540
Suso Díaz, poeta en Aceredo.

 

Queda a nostalxia de telo perdido. Mais sobre os recordos, resistimos. Resistimos e queremos manter vivas aquelas aldeas en nós”.

Que lle parece que Aceredo teña sido estes meses un lugar de visita para tanta xente?
Pois paréceme ben. Está saíndo en todas as partes do mundo. Estase vendo en Canadá, México, Corea... non deixa de ser curioso que unha aldea sexa noticia mundial despois de desaparecer. Creo que é importante que a xente vaia por alí e vexa o que podía ser hoxe aquilo de non se ter perdido pola construción dun encoro.

Nalgún dos poemas que non se pode marchar da casa aos 70 anos... Que queda do val? 
Queda a nostalxia de telo perdido. Mais sobre os recordos, resistimos. Resistimos e queremos manter vivas aquelas aldeas en nós. Teño moitas lembranzas indo Aceredo coas miñas avoas, das celebracións na igrexa, da festa do 25 de xullo, das casas nas que nos convidaban o 25 e o 26, pola Santa Ana, e alí fraguamos a nosa relación Mari Paz e eu... Queremos manter vivo, polo menos no noso recordo, todo iso, como era.

ENTREVISTA | "É importante que a xente visite Aceredo e vexa o que se perdeu pola...