miércoles. 04.12.2024

Edelmiro Martínez Cerredelo, Miro (Xinzo de Limia, 1946) é o cronista de Xinzo e pode que moi pronto xa de forma “oficial” (hai unha petición en change.org reclamando algún tipo de recoñecemento institucional para el). Miro é, a un tempo, cronista e protagonista, como veciño, do que aconteceu na vila nas últimas sete décadas. Como historiador ten publicado unha ampla serie de estudos sobre Xinzo. Os dous últimos, arredor do Entroido e da música.

Sabe que andan promovendo unha petición de apoio a través de Internet para que a vostede se lle conceda a distinción de fillo predilecto ou cronista local? Que lle parece?
Vinme sorprendido pola iniciativa do bo amigo Santiago Tovar Bobillo, que debe considerar que son merecente dalgún tipo de homenaxe. Dáme rubor falar deste tema. Considero que se alguén o merece deben ser as institucións as que tomen a iniciativa e fagan as homenaxes en vida dos homenaxeados.

"Tradición, respecto, sentimento" é o subtítulo do seu libro sobre o Entroido. Que queda hoxe diso no Entroido actual, o que se viviu a partir do cambio de século?
O Entroido mantén moitas das antigas tradicións, pero ao longo dos últimos 40 anos incorporáronse novas que, mais ou menos acertadas, configuran un Entroido diferente ao que lembramos os maiores.  

No limiar, Riveiro Coello refírese ao Entroido como "unha construción colectiva, vostede anota no século XXI todas esas transformacións (desfiles, carrozas, orquestras, un museo...). Como está mudando o Entroido?
As modificacións comezaron xa nos anos oitenta do século XX, no momento en que o concello se fai cargo da organización. O Entroido actual, inda mantendo parte da súa esencia, é moi distinto ao que foi en tempos. Estanse a producir numerosos cambios na celebración da festa e está claro que a replicación das pautas culturais dunha xeración a outra nunca é completa, as antigas nunca se repiten con exactitude nas xeracións sucesivas. E continuamente, pola evolución social, incorpóranse pautas novas. Nada vai poder, lamentablemente, parar o cambio e a perda do tradicional Entroido que desde sempre se festexou en Xinzo.

Segue sendo, no século XXI, o Entroido "unha construción colectiva"? Pregúntollo por se aprecia vostede riscos nesa "institucionalización"?
Segue a ser unha construción colectiva, xa que pese a institucionalización desde os anos oitenta, os limiaos organízanse pola súa conta para divertirse como sempre se fixo en Xinzo. Nos últimos anos mudou un pouco o tema, desde o concello promoveuse a idea de que o Entroido deben organizalo os veciños, debido a isto creáronse comisións que lle deron unha volta a organización e estase a recuperar, coa axuda da Asociación A Pantalla, parte do entroido tradicional, como por exemplo o Aforcamento do Meco e a súa procesión polas rúas da vila. Lamentablemente o Museo do Entroido é unha institución que está en off, non ten vida nin unha liña clara de dinamización da cultura e da festa.

Até que punto a masificación está a mudar o carácter da festa?
Os medios de comunicación e a redes sociais deron moita sona ao entroido de Xinzo, nunha época na que apenas se celebraba noutros lugares. Isto orixinou unha masificación que prexudicou a festa. Especialmente polos botellóns nocturnos. Pero este é un mal que sofren hoxe todas as festas populares. Tal vez a prolongación da música ata altas horas da noite axudou a que se estendera esta praga.  Antigamente o entroido celebrábase só polo día. Ás noites soamente nos bailes do Casino Antelano e nos salóns do café Imperial e Ideal.

Miro Cerredelo 2. Entroido. HistoriaEdelmiro Cerredelo, ás portas do Museo do Entroido, en Xinzo.

Que Entroido veremos despois da pandemia? 
Creo que a pandemia será simplemente un paréntese. A xente ten moitas gañas e cando se poda celebrar sen restricións rexurdirá con moita forza.

Dos varios autores que se aproximaron ao entroido desde un punto de vista sociolóxico ou literario e vostede cita, con cal deles se queda?
En literatura destacaría a Carlos Casares, Antón Riveiro Coello e Rafael Laso. Como coñecedor e experto das festas do entroido, tanto a nivel local, rexional ou nacional, destacaría ao limiao Federico Cocho. 

Deixar escrito a vida política, social e cultural dunha vila é moi interesante e conveniente para que as actuais e futuras xeracións coñezan a súa historia."

Cal foi seu mellor Entroido?
Os mellores entroidos que se lembran son sempre os que vives na nenez e na mocidade.

Que mudaría do Entroido actual?
Non mudaría nada, xa que para as novas xeracións actuais todo o que se celebra é o que coñecen da festa. Persoalmente, algo que nunca me gustou son as orquestras... tamén os infernais maquinillos cos altofalantes a tope.

Miro Cerredelo 3. Entroido. HistoriaCerredelo, coas súas dúas últimas obras. 

Vai presentar pronto outro libro. Por que unha historia da música en Xinzo? Tan importante é para a comunidade?
Pode parecer de pouca importancia, pero eu considero que recuperar e deixar escrito a vida política, social e cultural dunha vila é moi interesante e conveniente para que as actuais e futuras xeracións coñezan a súa historia, neste caso a musical.  

De onde vén o arraigo da música na sociedade limiá?
En Xinzo e na Limia báilase e cántase, desde tempo inmemorial, nas vodas, nas festas e romarías, nas pandeiradas, nos alalás, nas foliadas, nos fiadeiros, nos cantos de taberna e nos cantos da seitura, nas festas patronais, nos cantares de arrieiro e en todas as diversións privadas ou comunitarias. Das dotes musicais da nosa terra e dos galegos dá idea o feito certo de que, non só nas vilas senón en moitas aldeas, existiron e existen gaiteiros, grupos de danza e bandas de música que fan un labor altamente meritorio para o mantemento do noso folclore galaico.

Quen me encargaron o libro sobre a música na Limia quixeron cambiar o título, a dedicatoria e até a estrutura. Negueime. Agora publícase grazas ao Concello."

Bandas de música ou gaiteiros, que é o que marcou máis a historia da música en Xinzo?
En Xinzo houbo desde sempre gaiteiros, bandas de música e rondallas, murgas e corais. Xinzo e a Limia sempre foron en tempos, e seguen a ser na actualidade, terra de músicos en calquera das súas variantes.

Publica vostede dúas obras seguidas: Entroido e Música. É unha coincidencia? Que ligazón teñen entre si?
Non é unha coincidencia, a Historia Musical da Limia tiña que terse publicado no outono do ano 2020. Lamentablemente os que a encargaran, logo de dar o visto bo ao borrador e mandarmo enviar a unha editorial, inexplicablemente, tal vez nun ataque de egocentrismo e vaidade, quixeron cambiar desde o título, a dedicatoria e até a estrutura do libro, en detrimento dos outros grupos tamén protagonistas que figuran no libro. Negueime a tal pretensión e agora editouse grazas ao Concello. Foi un libro feito por encargo e desinteresadamente, ao igual que o do Antela e o do Entroido.
 

ENTREVISTA | “Lamentablemente o Museo do Entroido é unha institución que está en 'off',...