ENTREVISTA | “No mundo da música en Xinzo falta rigor, e polo camiño pérdese moita xente”
A Agrupación Musical da Limia participa este xoves na 134ª edición do Certamen Internacional de Bandas de Música Citat de València. Despois de meses de ensaios, a banda que dirixe José Luis Tielas participa na sección terceira, para agrupacións de até 50 músicos, e compite con bandas de Castela, Portugal e Holanda nun escenario grande: o Palau das Arts. Interpretarán unha mesma obra (Retratos de España, de Teodoro Aparicio) e outra da súa escolla. No caso da agrupación limiá, a obra libre será a banda sonora do filme de animación xaponesa A viaxe de Chihiro realizada por Joe Hisaishi.
“A de Hisaishi é unha obra complexa, e moi asentada na cultura oriental. Tamén é un compositor que utiliza moito a harmonía baseada no jazz. É espectacular. En xeral, tivemos que traballar moitisimo máis do habitual, e mesmo tecnicamente a nivel individual, ensamblando partes pequenas unhas con outras. Buscamos a excelencia, mais indo a un ritmo que todos puideran seguir”, comenta Tielas na sede da Escola de Música, unha tarde de ensaio (oito horas algún día) nas semanas previas ao certame.
Parece unha aposta arriscada?
Na música é todo moi subxectivo. Realmente o que buscamos con esta escolla é romper... somos os últimos na orde de actuación. O xurado levará moitas horas enriba, escoitando. Buscamos algo diferente. Tamén influíu outro factor. Na nosa banda hai moita xente moza, e pensamos que poderían conectar mellor cunha obra como esta... Non sei, penso que estamos nun período de decadencia a nivel musical no que a xente quere cousas máis simples. Paréceme algo cultural, o público tamén busca cousas máis simples. O traballo incluíu ver a película e identificar cada pasaxe. Grazas a iso puidemos apostar por unha linguaxe máis complexa, pouco convencional.
Como chega a Agrupación a participar nun evento destas características?
A banda ten 17 anos. O noso proxecto sempre foi facer por tocar música sinfónica... Somos orquestras, pero de vento. Montamos unha escola oficial. Facemos festas, alboradas... iso é unha parte. Pero procuramos ser sobre todo un proxecto educativo. En canto aos certames, pois xa gañamos a competición galega en idade xuvenil. A música é un asunto serio. Eu sigo estudando, acabei este ano o grado superior de composición e en dirección de orquestra.
Como funciona a Escola?
Volvemos a esa decadencia á que me referín antes. Creo que a nosa función é non tirar a toalla. E inculcarlles aos rapaces seriedade, normas, respecto... Somos 15 mestres. Temos un convenio co Concello de Xinzo polos concertos e actuacións, e tamén a cesión do local. Despois contamos con subvencións da Xunta e da Deputación. Pero o gasto vaise por riba dos cen mil euros e a maioría do orzamento vén das cotas das alumnas e alumnos. Agora mesmo temos 237 alumnos, desde 3 anos até os 79. Ofrecemos desde música en movemento e iniciación para os máis pequenos até a coral e a banda grande.
Existe competencia ou coordinación co Conservatorio de Xinzo?
Somos cousas distintas. A nosa é unha ensinanza non regrada. Eu considero que todos os servizos municipais de música deberían ofertar máis prazas no grao profesional. Os conservatorios teñen grao elemental e grao profesional, o primeiro non ten validez académica. Que pasa? Que se turra moito o grao elemental, así funcionan as cousas. No noso caso, a dedicación fundamental é coller ás nenas e nenos pequenos e ilos integrando en agrupacións. É unha ensinanza colectiva. Por iso temos as bandas, os coros... quen queira estudar unha carreira, ten que ir ao conservatorio. Noutros países as bandas son a porta de entrada á música, por onde se empeza.
Volvemos a esa decadencia á que me referín antes. Creo que a nosa función é non tirar a toalla. E inculcarlles aos rapaces seriedade, normas, respecto... Somos 15 mestres. Agora mesmo temos 237 alumnos, desde 3 anos até os 79. Ofrecemos desde música en movemento e iniciación para os máis pequenos até a coral e a banda grande.
Por que é tan difícil seguir unha carreira musical?
Polo que falamos, porque non se incentiva o grao profesional. Porque se estudas música tes que ir ao cole e ao conservatorio. Tes unha carga lectiva brutal. Así pasa que moita xente abandona o grao profesional, porque quere quitar o Bacharelato, está nos últimos cursos, e ten que elixir. Ou facemos algo polas ensinanzas artísticas ou... non sei. Volvemos ao asunto da decadencia...
Pero nas bandas aguanta máis a xente...
É diferente. Nas bandas hai un factor de socialización. Andamos todo o verán por aí todos xuntos. No conservatorio non pasa. É como ir ao cole. Este verán teremos unhas 30 actuacións. Chegou un momento en que deixamos de coller traballo. A convivencia é continuada.
Como ve a vida musical en Xinzo?
Eu veño de Ribadavia. Teño 46 anos. Fixen os estudos en Madrid. En Xinzo, os meus grandes amigos fíxenos na banda. O que penso é que no mundo da música en Xinzo falta rigor. E iso provoca que polo camiño se perda moita, moitisima xente... Cantos graduados superiores de música hai? Igual se contan cos dedos dunha man.
En que se concreta ese rigor?
Rigor sería orientar á xente cara a... cara unha carreira musical. E non se adoita facer. De todos modos, non é un problema que vexa só en Xinzo. Digamos que o sistema de ensinanza complica todo bastante, pero tamén inflúe a orientación que se lles dá ás mozas e mozos. O obxectivo non pode ser o grao profesional, e parar aí. Mire, por exemplo, penso que na Escola de Gaitas só hai un graduado superior en gaita. Nós, na banda, temos dúas persoas que entraron no grao superior. A maioría dos mestres temos o grao superior, pero somos os mestres, os alumnos non. Fáltanos iso.
Que relación ten a banda da escola coa música do país?
Cando imos a unha festa, as actuacións da mañá levan todo gaita. Dese conta que os grupos que había antes eran unha gaita, un clarinete, saxo, bombo... Penso que a música popular é algo que non nos debería preocupar regulamentar tanto. Refírome a regularizar, poñerlle normas, catalogala, enclaustrala...
Non comparto un tradicionalismo radical. Igual aquí a tradición popular son as bandas de música. Ourense e a zona do Deza eran zonas de bandas de música. Facemos unha alborada, con gaitas, e soa a Galiza...
Que problema lle ve a normalizar o popular?
Funcionamos así. Ou normativizamos todo ou todo é un desastre. As cousas son máis sinxelas. Antes a xente tocaba co que tiña. Non comparto un tradicionalismo radical. Igual aquí a tradición popular son as bandas de música. Ourense e a zona do Deza eran zonas de bandas de música. Facemos unha alborada, con gaitas, e soa a Galiza...
Rematamos. A que se refire cando falas de decadencia?
A unha desvalorización social. Cada vez, somos menos esixentes, imos ao máis fácil. A sociedade móvese por modas, consumo... Colle un rapaz e ponlle diante unha partitura e dille que ten que botar dez anos para analizar iso, e diche: ‘Eu quédome co Maluma’. E mire a xente que triunfa nas redes sociais, ás veces o éxito non está a calidade musical.
Pensa que as bandas, ou os músicos, perderon prestixio social?
Creo que a xente pensa que as mozas e mozos que están aquí na banda son uns friquis. E estamos nun momento en que o 80% das que entran na banda son mulleres. Homes xa veñen poucos. Aquí educamos rapaces e rapazas con criterio. Teñen, igual que os que van ao conservatorio, un criterio musical. Pódelle gustar o Maluma, pero coñecen outras cousas. Teñen un criterio.