jueves. 21.11.2024

“Foron moitos séculos de menosprezo e colonialismo. Aínda hoxe queren varrernos do mapa. Mais todo isto está a mudar e nós debemos loitar con paixón para que a nosa lingua e cultura florezan como en tempos pasados”, dixo Isaac Alonso Estraviz este luns na Deputación de Ourense, durante o acto institucional no que recibiu a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense de mans de Xosé Manuel Baltar.


“Quero subliñar que toda a miña vida sentín orgullo de ser galego e de o proclamar por todas as partes por onde andei”, confesou o filólogo e autor do Dicionário Estraviz “de galego ou português da Galiza”.  


Alonso Estraviz dedicou a medalla aos seus país, irmáns, "ao padre Plácido de Oseira que me recibiu no mosteiro", e agradeceu a distinción concedida por unanimidade pola Deputación no pleno do 25 de outubro de 2019. Un recoñecemento "que me enche de alegría, porque sentín sempre un grande orgullo de ter nacido nesta terra, a que quero e amo apaixonadamente".


Non evitou no seu discurso o debate ortográfico, no que é coñecido a súa posición a favor das teses reintegracionistas. “Eu nunca lle dixen a ninguén que norma debía empregar. Empreguei as existentes e respectei as normas que os meus alumnos empregaban. Na oficialidade as normas ortográficas son como un dogma de fe, e crían no profesorado cargos de conciencia”. 


A profesora e catedrática de Filoloxía Española da Universidade de Vigo, María do Carmo Henríquez, foi a encargada de ler a laudatio, destacando na súa intervención que Alonso Estraviz, como humanista e filólogo, realizou "relevantes contributos no ámbito da lexicografía e filoloxía galego-portuguesa, nun mundo no que é difícil citar outras personalidades de igual categoría e capaces de elaborar durante varias décadas unha obra tan meritoria e dun único autor", en referencia ao Dicionário.


Pola súa banda, Xosé Manuel Baltar, presidente do goberno provincial, glosou a figura de Alonso Estraviz recorrendo ás súas propias palabras, nas que afirma o lexicógrafo que por riba de todo "deben primar as relacións humanas", máis aló de "xentes dispares e distintas, de todas as tendencias, sen impoñer nunca criterios pero sen consentir tampouco imposicións". Baltar subliñou que o homenaxeado é "un home de fe e de circios principios morais, cunha personalidade pragmática e de enorme vitalidade".

Alonso Estraviz é "un home de fe e de circios principios morais, cunha personalidade pragmática e de enorme vitalidade", dixo o presidente da Deputación.

No acto estiveron presentes, entre outros, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Ademais, José Luis Fernández e Xico Paradelo, interpretaron no apartado musical o poema de Carvalho Calero Quem me quijo e outras composicións. 

“Eu nunca lle dixen a ninguén que norma debía empregar. Na oficialidade as normas ortográficas son como un dogma de fe, e crían no profesorado cargos de conciencia”, advertiu o homenaxeado.

entrega da Medalla de Ouro da Provincia de Ourense a Alonso Estraviz (FILEminimizer)
Emilio Pazos, alcalde de Trasmiras, durante a entrega da Medalla de Ouro da Provincia de Ourense a Alonso Estraviz. | FOTO: Iván Iglesias

TRASMIRAS E A BIBLIOTECA ESTRAVIZ
Tamén participaron a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, municipio no que reside Alonso Estraviz, e o alcalde de Trasmiras, Emilio Pazos, concello onde é natural o homenaxeado. Despois do acto, Emilio Pazos valorou a concesión da medalla a Alonso Estraviz e dixo: "Para Trasmiras e para o seu alcalde é un orgullo ver como un veciño é recoñecido polo seu labor profesional, e ademais por un labor, como é o estudo da nosa lingua e da nosa cultura, que é un beneficio para toda a comunidade".

Emilio Pazos referiuse tamén ás xestións para que a biblioteca persoal de Isaac Alonso Estraviz, que actualmente está na súa casa de Santa Mariña de Augas Santas, remate en Trasmiras. "A sala na Casa da Cultura está acondicionada, cambiáronse as xanelas, o solo e a porta, e tamén se puxo unha calefacción. Trasmiras quere responder á vontade de Isaac, que quere que a súa biblioteca fique aquí. A día de hoxe, estase preparando a documentación para facer esa Fundación que xestione esa biblioteca".


O alcalde avanza que haberá algún tipo de recoñecemento tamén desde Trasmiras, e di que se está valorando a posibilidade de que a Casa da Cultura leve o nome de Isaac Alonso Estraviz, que esta mañá na Deputación tivo tamén un recordo para a última homenaxe popular que lle tributaron as escolas Semente o pasado mes de maio na Arca da Noe, en Vilar de Santos.

NOTICIAS A LIMIA | “Foron séculos de colonialismo, aínda hoxe queren varrernos do mapa”