A distinción a Isaac Alonso Estraviz coa Medalla de Ouro da Deputación Provincial de Ourense data dun acordo plenario do 25 de outubro de 2019. Case tres anos despois, o intelectual galeguista e estudoso da lingua recibiu a Medalla nun acto celebrado este luns na Deputación, co plenario reunido e numerosos invitados, entre eles, a alcaldesa de Allariz (onde reside Estraviz) e o alcalde de Trasmiras (concello natal de Estraviz e no que ten a intención de deixar a súa biblioteca), así como o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e o presidente da Fundación Carlos Casares, Xabier Casares, entre outros. "Eu nunca lle dixen a ninguén que norma debía empregar. Empreguei as existentes e respectei as normas que os meus alumnos empregaban. Na oficialidade as normas ortográficas son como un dogma de fe, e crían no profesorado cargos de conciencia. Coñecín profesoras que non encontraban unha palabra no seu pseudo-dicionario, chamado da Real Academia Galega, e lle indicaban que esa palabra non existía. E en cambio houbo unha alumna que lle dixo: 'Profe, procure o Estravis e verá como está", dixo o homenaxeado esta mañá nun breve discurso de agradecementos.
FOTOGRAFÍAS: Iván Iglesias.