sábado. 23.11.2024

A Casa Grande dos Bobillo, como así se coñece á vivenda na que naceu Antón Tovar, correspóndese “cun complexo agroresidencial que evidencia cal era o principal labor dos seus habitantes: a actividade agrogandeira”, reflicte a memoria entregada ao presidente provincial, Xosé Manuel Baltar, polos herdeiros do poeta. 


“Estamos estudando con moito interese esta proposta, pioneira en Galicia polo seu carácter público, pois mediante a fórmula de cesión permitiría contar cunha nova infraestrutura cultural nunha comarca senlleira como A Limia”, sinalou Baltar logo de escoitar os detalles do proxecto, para o que tamén está en conversas co Concello de Rairiz de Veiga, segundo informou onte a Deputación nun comunicado de prensa.


No que tamén avanzou que se realizará unha visita, coa alcaldesa, Asunción Morgade, e os herdeiros, ao inmoble para comprobar as posibilidades dunha construción que data de 1810 e foi catalogada en 2009 como Ben de Interese Cultural en Rairiz de Veiga.


Durante a reunión cos herdeiros, o presidente provincial mostrou disposto a iniciar as obras de acondicionamento o próximo ano para a creación dunha residencia literaria, “que non só facilitaría a conservación e protección da casa natal de Antón Tovar, senón que contribuiría tamén a poñer en valor a figura e o legado literario do escritor”, destacou Manuel Baltar.


O proxecto, proposto polos herdeiros do escritor, “encaixa perfectamente no ADN da Deputación”, afirmou Manuel Baltar tras reunirse cos representantes da familia. Segundo o comunicado da Deputación, o espazo literario, que sería pioneiro en Galicia polo seu carácter público, non só facilitaría a conservación e protección do inmoble, senón que contribuiría tamén a poñer en valor a figura e o legado literario do escritor.


Antón Tovar (Pereira, 1921 – Ourense, 2004), Fillo Predilecto de Rairiz de Veiga e membro de honra da Real Academia Galega, escribiu o seu primeiro poemario 'Barro de nadie' en 1955. Con Calados esconxuros (1980), Antón Tovar gañou o Premio da Crítica de 1981 e con Berros en voz baixa (1990) o Premio de Creación Losada Diéguez.

NOTICIAS A LIMIA | Os herdeiros de Tovar impulsan unha residencia literaria na casa do...