O Museo Galego do Entroido (MUGAE) abriu as súas portas hai uns minutos. A primeira visita foi a do Diario do Limia para avanzar a nova cun breve vídeo nas redes sociais. Foi toda a publicidade que se lle deu até este venres á reapertura. O Museo, pechado desde decembro pasado e que abriu uns días no último Entroido, recuperou a actividade sen anuncio nin cerimonia. Foi un regreso case clandestino, nin a Deputación (responsábel da xestión) nin o goberno local de Xinzo (que leva insistindo na necesidade de volvelo abrir) difundiron a nova.
O Museo Galego do Entroido, esa nave no dique seco, abrirá os venres, sábados e domingos dos meses de xullo e agosto. O horario será de 17:00 a 20.00 horas os tres días, máis as mañás de sábados e domingos, de 10:00 a 13:00 horas. A Deputación contratou o servizo cunha empresa de Xinzo de Limia. Aínda que en principio estaba previsto comezar en agosto, esta mesma semana axilizáronse as xestións. O mércores estaba decidida a apertura, mais non se fixo pública salvo nas redes do propio museo. A Deputación confirmou este mesmo venres ao Diario do Limia os horarios e a reapertura.
A partir de setembro o que hai é un compromiso do goberno Baltar co goberno de Xinzo, xestionado a través de Elvira Lama, a alcaldesa, na súa condición de deputada provincial. Dese compromiso deu noticia o Diario do Limia hai un mes. A Deputación habilitou unha partida extraordinaria de 20.000 euros que Lama espera que sexa suficiente para manter a actividade até que se concrete a inclusión nos orzamentos provinciais do próximo ano dos cartos para o Museo.
O futuro inmediato do MUGAE pasa porque a Deputación cumpra coa responsabilidade de o manter aberto. Esa é a vontade tamén do Partido Popular de Xinzo. Despois, “falta quen colla o temón e sen desprezar a ninguén, nin aos grumetes, sexa capaz de levar a nave a bo porto. Que o terrible kraken da desidia non faga que estoure a quilla”, como reclamou Xosé Calleja López, ou o propio Miro Cerredelo antes do Entroido, a última vez que abriu o Museo, tamén dunha maneira un tanto clandestina.
En calquera caso, o MUGAE estará aberto as próximas oito fins de semana. Unha oportunidade para volver visitalo e axudar a que, a partir de setembro, as institucións fagan o necesario para que siga aberto.