jueves. 21.11.2024

A Deputación Provincial de Ourense prevé destinar 35.000 euros para un novo período de apertura do Museo Galego do Entroido (MUGAE), que no que vai de ano permaneceu aberto durante o período do Entroido e nos meses de xullo e agosto con horarios limitados ás fins de semana. 


O pasado 13 de setembro creouse na Deputación, entidade responsábel do MUGAE, a mesa de contratación para o procedemento de adxudicación do “servizo de portería, vixilancia e mantemento do Museo Galego do Entroido”. Ao día seguinte, dúas empresas presentáronse ao concurso e a mesa remitiu aos técnicos as ofertas para a súa valoración e informe. 


O orzamento previsto é de 35.000 euros (co IVE e impostos incluídos). Neste ano a xestión externa do Museo durante esas semanas de apertura levou uns 20.000 euros. Mais aínda non está decidido cando se producirá a terceira re-apertura deste 2022 á espera de que a mesa de contratación remate os trámites. A Deputación non respondeu á solicitude de información deste diario sobre o avance da tramitación. 


A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, na súa condición de deputada provincial do grupo socialista, solicitou información ao respecto nas comisións celebradas a semana pasada. Este venres, no pleno da corporación provincial, volverá interesarse polo asunto. “Formularei unha pregunta por escrito para saber se no 2023 se desenvolverá, como se acordou no seu día, o proceso de licitación para a xestión indirecta do Museo”, explica ao Diario do Limia.


O acordo impulsado por Lama diante do presidente da Deputación, Manuel Baltar, “era máis amplo”, lembra a alcaldesa, e pretendía que se garantise nos orzamentos anuais a continuidade do Museo, incluíndo un réxime de visitas e servizos mellorado así como o desenvolvemento dun proxecto museístico.


En calquera caso, tanto Elvira Lama, como máxima representante do PSdeG-PSOE de Xinzo, como Ramiro Rodríguez, concelleiro de Cultura e portavoz do BNG, xa avanzaron que o goberno local valoraría a posibilidade de pedir unha reversión do MUGAE á xestión municipal. 

NOTICIAS XINZO | A Deputación destinará 35.000 euros para a nova apertura do MUGAE