miércoles. 04.12.2024

O goberno municipal de Xinzo levará á comisión este venres un acordo para distinguir coa medalla da vila e como Fillo Predilecto de Xinzo ao historiador e cronista Edelmiro Martínez Cerredelo. A decisión é unánime na corporación municipal. 

Edelmiro Martínez Cerredelo naceu en Xinzo de Limia en 1946. Foi empregado de banca entre 1971 e 1999, mais en paralelo desenvolveu unha intensa actividade investigadora sobre a comarca da Limia, con publicacións nas revistas Lethes e Raigame, e no Centro de Cultura Popular do Limia e no Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo.

Froito das súas investigacións apareceu en 2006 o seu primeiro libro: A prensa en Xinzo de Limia. Século XX (1911-1925), ao que seguiu no 2008 Historia e Memoria. A Limia (1931-1953); e no 2009 Julián Toubes (1796-1870). O correxedor de Xinzo que quixo desecar a Lagoa. No ano 2012 deu ao prelo Historia de Xinzo de Limia. No 2016 foron dous ensaios, Xinzo na memoria e Antela Fútbol Club. Centenario (1919-2019).

Máis recentemente ten publicado O Entroido de Xinzo de Limia (2021) e Historia musical de Xinzo de Limia (2022), presentado o pasado febreiro na Casa da Cultura, coa presenza de Esmeralda Marra, directora do Conservatorio Profesional de Música de Xinzo, e Fernando Dopico, o director da Escola de Gaitas. 

“Este é o último libro que vou presentar”, anunciou Cerredelo naquel acto, e despois agradeceu ao Concello, editor da obra, e a todas as veciñas e veciños que lle permitiron escudriñar nas súas historias persoais para ir compoñendo a historia coral de Xinzo.

Na plataforma change.org figura desde finais do 2021 unha petición para que se iniciase o expediente de Honras e Distincións para nomear a Edelmiro Martínez Cerredelo “fillo predilecto” e colocar “nun lugar ou rúa senlleiro da vila unha placa que faga perdurar a súa memoria e traballos”.

NOTICIAS XINZO | Edelmiro Martínez Cerredelo será distinguido como Fillo Predilecto de...