Montse Valencia, membro de Ecoloxistas en Acción

ENTREVISTA | “A declaración de zona vulnerábel na Limia é unha prioridade e un imperativo legal”

Montse Valencia, de Ecoloxistas en Acción.

Montse Valencia é asesora xurídica ambiental e membro de Ecoloxistas en Acción. Vive en Ourense e ten raíces na Baixa Limia. Hai unhas semanas organizou un debate no Campus de Ourense sobre a actividade gandeira na Limia no que reapareceu a plataforma Auga Limpa Xa. Valencia, de 45 anos, fixo parte de Ourense en Común, e agora está no partido Alianza Verde, de López de Uralde.

O Consello da Auga da Confederación Hidrolóxica do Miño-Sil deu o visto bo ao plan hidrolóxico 2022-2027. Que valoración fai deste plan?
É unha oportunidade perdida. Faltou un verdadeiro proceso de participación pública. O plan xa estaba feito e o proceso de aparente participación é un mero trámite normativo para o organismo de conca que deixa pouca marxe de manobra para introducir verdadeiros cambios e facer cumprir a Directiva Marco da Auga. Houbo baleiros como o tema dos caudais ecolóxicos, si contemplados na Instrucción de Planificación Hidrolóxica que despois non foron nin tratados, nin incorporados ao plan. Ignorou as denuncias relativas ás verteduras da mina da Penouta, Viana do Bolo, que presentamos desde diversos colectivos. 

A Confederación Hidrolóxica do Miño-Sil anunciou que A Limia e As Conchas van ser incluídas no mapa ministerial como zonas vulnerábeis por contaminación por nitratos. Que opina deste anuncio?
É unha débeda que a CHMS viña arrastrando desde hai anos. Que pasaría se esta declaración houbese sido executada no 2006 cando a CHMS, daquela CH do Norte, xa tiña documentado os problemas de altos niveis de nitróxeno e fósforo no río Limia? Houbo un abandono de funcións por parte da CHMS, e houbo moitas autorizacións para macrogranxas e ampliacións por parte da Xunta. Imos tarde mal e arrastro con esta declaración. Aínda así é o primeiro paso para recoñecer a problemática pero a pregunta é se a terían posto en marcha se non houbese un mandato europeo.

Como está a plataforma Auga Limpa Xa, que levaba un par de anos sen actividade pública?
Eu represento a esta plataforma diante da coordinadora estatal contra a gandaría industrial. Auga Limpa participou na Mesa da Limia. Agora anda nun estado val. Desactivada non está. Cando a xente ve algo como imposíbel, pois algunha báixase do carro. Pero como veciños e veciñas temos a nosa responsabilidade. Esta é unha fase. Eu diría que a plataforma está máis activa na Baixa Limia que na Limia.

”Houbo un abandono de funcións por parte da CHMS, e houbo moitas autorizacións para macrogranxas e ampliacións por parte da Xunta.”

Están próximos a publicarse os mapas de zonas vulnerábeis. E entre os produtores da Limia hai moita preocupación. Que di sobre isto o movemento ecoloxista? 
A declaración de zona vulnerábel é unha necesidade, unha prioridade e un imperativo legal. Europa deu un mandato. O peor é a falta de información. Chegamos aquí porque non se tomaron as medidas necesarias durante moitos anos. A Xunta coñece a problemática, e debe axilizar as solucións. Xa non teñen máis escapatoria. 

” Sempre se viron os animais como elementos para a produción, non como seres vivos. Pero hai que entender que garantir ese benestar vai xerar unha mellora na calidade.”

Concellos como Vilar de Barrio e Os Blancos sosteñen que parte dos seus territorios deberían quedar fóra desa zona vulnerábel. É factíbel?
Paréceme moi grave que haxa concellos que pensen que poden encargar un informe de parte e que vaia servir de algo, salvo que queiran xudicializar a cuestión. Lémbrame como se xestionou a Rede Natura. Os concellos non querían entrar en espazos protexidos. Volvemos topar o problema da información ambiental por parte das administracións públicas no tocante á temática ambiental. Estes concellos e outros poden estar preocupados, pero non saben en que consiste a declaración nin os beneficios que pode traer para a sostibilidade da zona e para a saúde pública.

Hai apenas un mes o MEL denunciou outro vertido ilegal de xurros, e denunciou que ningunha autoridade atendeu a súa reclamación. Seguen as cousas igual?
As denuncias sucédense desde hai moitos anos. A falta de contestación é o indicador do abandono de quen goberna. Hai un incumprimento reiterado de distintas normas xurídicas comezando por Aarhus. Tamén en canto á protección xurídica dos movementos ecoloxistas e veciñais. O medio ambiente continúa sendo visto como unha pedra nun zapato. Precisamos conservar e defender o medio ambiente como estímulo económico e social, para promover a saúde pública... Pero topamos con institucións que chegan tarde.

Montse Valencia, nun parque do centro de Ourense, durante a entrevista.

 

Agora está o Plan Estratéxico da Limia. Que esperan deste plan que chega froito dos debates na Mesa da Limia?
Auga Limpa Xa estivo nesa Mesa. Gandeiros e agricultores admitían o problema. Houbo un recoñecemento explícito da orixe do problema. Levamos un ano esperando a que se faga público ese plan. Haberá que ver o contido... descoñézoo. Non pode quedar nun simple código de boas prácticas. A actividade económica da Limia está esgotada. Con este modelo non hai por onde tirar. Mire o que pasa nas Conchas: o encoro ficou contaminado, o motor turístico quedou estragado... que queda?

Cales son as solucións?
O principal problema para min é a Administración que autoriza e dá licencias para a construción e a ampliación de granxas, sabendo que non hai espazo físico… A Administración fai crer aos gandeiros que poden seguir con estas prácticas. Pero o modelo está esgotado. Que facer? Botar o freo. Leo o DOG todos os días. Hai tempo que non vexo autorización para novas instalacións. Pero ampliacións, si. As últimas que lembro son do outono pasado. A moratoria é un aprazamento. Para que o encoro das Conchas mellore non vale só con parar as ampliacións, haberá que facer outro tipo de gandaría, unha gandaría sustentábel.

“No caso dos eólicos, as Administracións locais deberían ser as primeiras informadas, e informar. Falta esa base”

As normas sobre benestar animal tamén preocupan ao sector primario na Limia. Enténdese o que pretende o movemento ecoloxista?
É certo que este concepto non está interiorizado nin se respecta. Considérase algo superficial. Sempre se viron os animais como elementos para a produción, non como seres vivos. Pero hai que entender que garantir ese benestar vai xerar unha mellora na calidade.

”O medio ambiente continúa sendo visto como unha pedra nun zapato. Precisamos conservar e defender o medio ambiente como estímulo económico e social, para promover a saúde pública... Pero topamos con institucións que chegan tarde”

Ecoloxistas en Acción tamén empeza a entrar no debate eólico. Como ve esas loitas que se dan na Limia conta algúns proxectos?
Hai resposta social. Mais a participación pública está limitada. A única que a Administración consinte é alegar. As Administracións locais deberían ser as primeiras informadas, e informar. Falta esa base. A nivel estatal, en Ecologistas en Acción hai debate. Hai territorios onde non están a sufrir o impacto. Pero en Galicia temos moi claro que non podemos consentir isto.