martes. 03.12.2024

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático vén de outorgar a autorización para a ampliación dunha explotación porcina de produción de ceba de porcos, no lugar do Pedrón, na parroquia de Santa María de Bóveda, no concello de Vilar de Barrio, promovida por O Pedrón S.C.


A ampliación consistirá en aumentar unha das dúas naves da granxa incrementando así o número de prazas para animais dispoñibles en 650, pasando de 1.990 a ter un total de 2.640 prazas. 


A autorización, que inclúe a Declaración de Impacto Ambiental, está asinada pola directora xeral, María Sagrario Pérez Castellanos, con data de 14 de decembro pasado, e publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta semana.  


O Pedrón S.C. iniciou os trámites en agosto de 2019. En maio de 2020 publicouse no DOG (núm. 88) o anuncio, do día 14 do mes anterior, polo que se someteu a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental integrada. “Non consta a presentación de alegacións durante este trámite”, informa a Xunta. 


A explotación atopase dentro dunha Zona de Especial Protección para as Aves, a ZEPA da Limia, e a uns 600 metros da canle principal da Lagoa, nunha zona con numerosas explotacións entre os concellos de Vilar de Santos, Sarreaus e Sandiás.  


“No plan de xestión de xurros achégase unha ampla relación de parcelas para fertilización orgánica, aínda que a mesma non se atopa en formato gráfico compatible con programas XIS, que permita a análise e superposición coas capas de información cartográfica da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e comprobar así a ausencia de afeccións sobre os valores naturais do lugar”, advirte o documento de autorización.


“Neste senso, e dada a localización da explotación na ZEPA A Limia, no caso de detectarse nalgunha das parcelas onde se aplique a presenza de hábitats definidos como prioritarios (...) ou calquera outro valor natural que puidese verse afectado polos aportes, antes de realizalos, deberase poñer en contacto Dirección Xeral de Patrimonio Natural, quen decidirá sobre a conveniencia da solución a adoptar”, indica.

A explotación está enclavada nunha zona onde proliferan as granxas nas marxes da canle da Lagoa. FOTO Diario do Limia
A explotación está enclavada nunha zona onde proliferan as granxas nas marxes da canle da Lagoa. | FOTO: Diario do Limia.

A nave obxecto da ampliación, que ten 918 metros cadrados e unha capacidade para 910 animais, ampliarase en 536 metros para acoller 650 porcos máis.


A explotación ten unha superficie de 2,1 hectáreas, e dedícase á ceba de porco en ciclos de 130 días. A ceba en réxime intensivo realízase unha única etapa que vai dende a entrada dos porcos con aproximadamente 20 quilos de peso ata a súa saída para sacrificio en matadoiro cuns 120 quilos.


Segundo sinala o documento, na alimentación dos animais empregarase penso en forma de fariña ou granulado, e castañas. “A distribución do penso aos boxes realízase de forma automatizada e hermética”. O subministro de auga aos animais realízase desde o pozo existente na explotación. 

Plano contido no documento de autorización da ampliación
Plano contido no documento de autorización da ampliación.

Xurros

En canto á xestión dos xurros, a empresa presentou un plan consistente na valorización do xurro producido anualmente na explotación en parcelas agrícolas. “Tras facer os cálculos oportunos conclúese que a superficie agraria útil presentada polo titular resultaría suficiente para valorizar o xurro procedente da explotación. Queda, por tanto, xustificado o destino dos 4.824,6 metros cúbicos por ano que se producirán na explotación”, di a autorización.


E concreta: “O sistema de almacenamento de xurro producido na instalación ten capacidade suficiente para albergar o xurro producido en 6 meses”. Estímase unha produción de 2.412,3 metros cúbicos, mentres a capacidade de almacenamento é de 3.345 metros cúbicos. 


Vantaxes do recurso á ampliación

Colectivos ecoloxistas veñen denunciando desde hai anos que as ampliacións de explotacións existentes constitúen unha forma de desenvolver macro-granxas salvando as limitacións da normativa ambiental. Na práctica, sosteñen os ecoloxistas, continúase a incrementar a carga gandeira e seguen sen atenderse os impactos sinérxicos nunha área inzada de explotación de porcino (e outra cabana) en intensivo.


O propio documento de autorización sinala algunhas das boas prácticas que, por tratarse dunha “explotación existente”, xa non se toman en consideración á hora de esixir as mellores técnicas na xestión: a localización adecuada da explotación e disposición espacial das actividades co fin de reducir o transporte de animais e materiais (incluído o esterco); garantir a suficiente distancia respecto aos receptores sensibles que requiren protección; considerar a capacidade potencial de desenrolo futuro da explotación, ou evitar a contaminación da auga. 


A Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, o Concello de Vilar de Barrio e o Instituto de Estudos do Territorio, entre outros organismos consultados, informaron favorabelmente ao proxecto.


A Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil fixeron algunhas consideracións. En canto ás achegas da Sociedade Galega de Historia Natural, o documento de autorización di que “xa se tiveron en conta polos órganos competentes e, nas que procede polo seu ámbito ambiental, son recollidas na DIA”.

NOTICIAS A LIMIA | Autorizada a ampliación dunha granxa en Vilar de Barrio até os 2.640...