“Para nós a sentenza ten un valor enorme”, di Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) en relación á decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de anular a declaración de impacto ambiental da ampliación dunha granxa de polos en Rairiz de Veiga. A sentenza, consideran, supón un empurrón ás teses que entidades e colectivos ambientalistas veñen defendendo nos últimos 14 anos.
Os xuíces, sinala o representante da SGHN, anulan a ampliación apoiándose en 7 motivos, “e cinco deles son razóns que vimos expoñendo nós en todas as alegacións que presentamos contra a construción de novas granxas ou contra as ampliacións das instalacións deste tipo de granxas”. Empezaron, di, no 2006, cando un informe da que era Confederación Hidrográfica del Norte advertiu de que “a calidade das augas do río Limia ao final da chaira era moi mala. Foron os primeiros datos oficiais que constataron o problema”.
A sentenza sinala que a solicitude de avaliación ambiental e a documentación achegada incumpren o artigo 45 da lei de avaliación ambiental (motivo 2), entre outras cousas, porque a descrición dos efectos sobre o medio “carece de rigor, es insuficiente, parcial, incompleta y vaga”. Tamén advirte que non existe valoración da alternativa cero e que non se xustifica adecuadamente a solución adoptada (motivo 3).
Os xuíces indican ademais que non se dá unha “una valoración adecuada de las repercusiones en espacios Red Natura 2000” (motivo 4), nin tampouco das repercusións medioambientais nos recursos hídricos (motivo 5), e que se produce unha “contravención del principio de precaución o cautela” (motivo 6).
“Os outros dous motivos teñen que ver coa vulneración de dereitos dos veciños que demandaron”, lembra Serafín González. En concreto, o dereito de información e participación no procedemento (motivo 1) e os dereitos á saúde, á intimidade persoal e familiar, á inviolabilidade de domicilio e a gozar dun medio ambiente adecuado (motivo 7).
“E foron eles, os veciños, quen levando a cuestión até o TSXG conseguiron que se recoñecesen non só os seus dereitos senón as afeccións que levabamos anos denunciando nas nosas alegacións”, di Serafín González, “e que nunca antes en ningún procedemento a Xunta nos tiña contestado, malia que teremos alegado en máis de 40 proxectos e que os nosos argumentos estiveron e están fundamentados sempre en datos oficiais e en publicacións científicas”.
O presidente da SGHN, en conversa telefónica co Diario do Limia, pensa que na decisión dos maxistrados da Sección segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, tiveron peso dous argumentos fundamentais: a violación dos dereitos dos veciños, “veciños lindeiros á granxa que non foron escoitados nin polo Concello de Rairiz nin pola Xunta de Galicia”, e a ausencia “dun estudo serio de avaliación ambiental, o que aconsella aplicar o principio de precaución”.
Serafín González advirte que a Xunta dispuxo do prazo dun mes para opoñerse nos tribunais á decisión do TSXG que leva data do 19 de novembro de 2021. O Diario do Limia solicitou información a este respecto á Consellería de Medio Ambiente. Se a Xunta non recorre, a sentenza será firme. “E entendo que o terá que facer a granxa é parar de producir”, anota Serafín González.
Acceso á explotación da granxa ampliada en Congostro.
A explotación, de dúas naves, a segunda delas (a B) obxecto da demanda, ten unha capacidade de cría de case 48.000 ao ano, está operativa desde finais do pasado verán, segundo indicou o matrimonio demandante. Desde o Concello de Rairiz de Veiga, a alcaldesa, Asunción Morgade (PP) dixo esta semana que non pode facer nada antes de que a sentenza sexa firme, pero que actuará chegado o caso contra o propietario, concelleiro do PP.
Contento pola sentenza que recoñece por fin as teses ambientalistas, Serafín González é sen embargo pesimista en canto ao futuro inmediato do problema da contaminación. “Na Limia xa non temos só un problema de calidade das augas, hai ademais un problema de cantidade. Toda esa enorme carga gandeira, estaremos polas 80.000 unidades de gando na chaira, tamén consume e provoca un problema de cantidade. Pode que hai uns anos a moratoria que pedimos tivese sido suficiente, hoxe xa non. Habería que ir a peches de explotacións, incentivados, como están facendo xa en Holanda”.