NOTICIAS A LIMIA | “Non quero unha liña de alta tensión en Porqueira”
Despois dunha hora de pé, lendo os vinte folios das alegacións contra a LAT de Greenalia que o Concello de Porqueira pon a disposición da veciñanza para que se opoña, antes do 1 de xullo, á realización dunha infraestrutura que fai parte dun plan eólico moi amplo que afecta ao suroeste da provincia de Ourense, a alcaldesa, Susana Vázquez (PP), sentou e confesou os seus medos diante da ducia e media de veciñas e veciños de Paradela de Abeleda no mesmo local social no que hai mes e medio ela mesma lazou a alerta contra o que se lles viña enriba.
Sentouse para descansar, escoitou a algunhas veciñas dicir que adiante, que había que se opoñer, que elas non queren a LAT. E despois confesou: “Non quero unha liña de alta tensión en Porqueira porque dáme moito medo o uso que se poida facer, non xa polos eólicos, senón tamén polo apetitosa que pode ser a riqueza mineira desta zona nun contexto de crise como o que vivimos”.
Vázquez ten a firme intención de defender Porqueira até onde lle alcancen as forzas. Despois de falar en Paradela saíu correndo para Reboreda, a aldea máis ameazada, con catro mananciais, dixo a alcaldesa, de onde beben hai xeracións as veciñas e os veciños.
Vázquez leu en Paradela: “Oposición absoluta e total á instalación ou execución proxectada da Liña de Alta Tensión 132 kv SET Lamas de Feás-SET Fontesanta”. É foi explicando: “se non se fai o polígono en Calvos de Randín, adeus problema. Por iso tamén nos opuxemos”. E engadiu: “Coidado! Porque se agora proxectan unha potencia de 132 kv, pódena aumentar máis adiante e os impactos aumentarían”.
Vázquez leu: “Tanto o proxecto presentado como o seu Estudo de Impacto Ambiental son e revélanse como insuficientes para determinar os posíbeis efectos da instalación proxectada sobre a saúde das persoas”. E dedicou cinco follas a advertir sobre as afeccións previsíbeis á saúde, antes de dicir: “Alegación catro: Moi posíbel afección grave aos mananciais existentes que subministran a auga de consumo doméstico ás poboacións do Concello e aos recursos hídricos da zona en xeral”.
A alcaldesa explicou á veciñanza o que foi aprendendo desde o pasado 30 de abril cando convocou a primeira asemblea para ensinar toda a información que tiña naquela altura: un mapa cun camiño trazado da Aguioncha, en Calvos, ao Monte Grande, en Bande, que atravesaba Porqueira entre Reboreda e Paradela, e que segue polo Vieiro, en Verea, e máis ao norte Celanova, Quintela de Leirado, e vai virando cara o oeste por Pontedeva até alcanzar A Frieria en Padrenda, na presa do río Miño.
Un percorrido que debeu alertar ao propio Xosé Manuel Baltar, o presidente da Deputación, cando visitou San Lourenzo, outra das aldeas afectadas no comunal polo paso da LAT de Greenalia, e mostrou o seu apoio á alcaldesa.
Susana Vázquez ten certo ascendente no partido. Fixo chegar o malestar en Porqueira a varias consellerías. Pensa que o feito de que a Xunta de Galicia estea poñendo obstáculos a proxectos eólicos que se tramitan a través do Ministerio para la Transición Ecológica é un bo sinal.
Vázquez ten a firme intención de defender Porqueira até onde lle alcancen as forzas. Despois de falar en Paradela saíu correndo para Reboreda, a aldea máis ameazada,
As alegacións soan contundentes no local social de Paradela. Porqueira oponse a LAT, insiste a alcaldesa: “É o que ides asinar neste documento”. E distribúe as follas. “O proxecto é inxustificábel e inviábel”, lese no texto. Mais o texto tamén deixa portas abertas: “negociación”, “salvo modificación”, “compensación xusta”, “retirada ou máis lonxe”. Hai outros concellos opoñéndose: Calvos anuncia que presentará as súas alegacións, Padrenda e Verea xa o fixeron.
Pero ningún outro rexedor ou rexedora foi até hoxe tan claro como Susana Vázquez: “Non quero unha liña de alta tensión en Porqueira”. A reunión en Reboreda (“veu moita xente, son os máis afectados”, conta Vázquez) rematou pasadas as sete da tarde. Aínda lle quedaba pasar por San Lourenzo. A loita contra os macro-proxectos eólicos é unha carreira de fondo.