NOTICIAS A LIMIA | A pataca mira ao ceo
Julio Montero completou a maior parte da sementeira nas primeiras semanas de maio. O presidente da comunidade de San Salvador de Sabucedo e secretario da asociación de produtores de pataca da Limia plantou este ano 30 hectáreas, as mesmas que hai un ano. A súa preocupación a comezos de mes era o prezo do gasóleo; agora, tamén, a falta de chuvias.
Na Limia, estima Servando Álvarez, responsábel do Centro Agrogandeiro do Inorde en Xinzo de Limia, sementaranse este ano unhas 3.200 hectáreas, practicamente a mesma superficie que en anos anteriores. “Parecía que ían ser máis, pero o prezo dos insumos fixo que moitos rebaixasen a aposta. Os custes do gasóleo non terminan de se estabilizar, os fertilizantes seguen á alza e os fitosanitarios levan o mesmo camiño”.
En Porqueira, onde Julio Montero leva seis anos como socio dunha explotación familiar con 140 hectáreas, parece que se plantará menos, “ao redor dun dez ou un 15 por cento menos”, di Julio.
Julio ten 38 anos e foi un dos organizadores da tractorada do 25 de marzo, e estivo nalgunha das reunións coa Concellería de Medio Rural. Recoñece que o conselleiro, José González, “estase portando ben connosco, cos pataqueiros da Limia”, mais bota de menos unha resposta das Administracións ás demandas do sector primario.
“Temos o gasóleo a 1,25, hai un ano estaba a 60 céntimos. Co desconto deses 20 céntimos que non solucionan nada, como imaxino que non lle solucionan nada a un camioneiro. A química pasou de 56 céntimos a 1 euro. A semente non subiu moito, pero as reparacións, os repostos... están ao dobre”, explica o agricultor.
Os contratos acordados cos almacenistas melloraron algo os prezos. Nas variedades estándar, catro céntimos máis que o ano pasado, até os 19. Na branca pasaron de 26 a 28 céntimos o quilo. “Con estes cálculos de custes e prezos imos sementar máis ou menos o mesmo, que xa é bastante arriscado”.
Os custes do gasóleo e dos fertilizantes son o dobre que hai un ano. O prezo por quilo acordado nos contratos pasou de 15 a 19 céntimos e de 26 a 28 segundo a variedade. Mais vaise plantar o mesmo que outros anos. Os riscos aumentan.
Agora a incerteza aumenta pola falta de chuvias. “Se comparamos con anos pasados, ten caído a cuarta parte de auga da que tiña caído outros anos. Os acuíferos están baleiros, os ríos baixan cun caudal moi reducido. A pataca en extensivo necesita auga. Podémonos atopar sen auga. E caería en picado a produción”, advirte Servando Álvarez desde o Centro Agrogandeiro.
O técnico explica que “a unha hectárea de pataca, por exemplo a variedade industrial agria, se lle das toda a auga que necesita, pode acadar os 45.000 quilos; pero sen a auga suficiente pode quedar en 25.000”.
Malia as tormentas do domingo, se segue sen chover, e as previsións ate final de mes son de que a situación se prolongue.
Unha hectárea de pataca agria, se lle das toda a auga que necesita, pode acadar os 45.000 quilos; pero sen a auga suficiente pode quedar en 25.000” (Servando Álvarez)
Desde finais de maio, e durante os meses de xuño e xullo, regar as patacas vai supoñer un esforzo económico maior que en anos anteriores. Iso, mentres haxa auga para regar. “O produto vai ser igual, pero a cantidade depende de como veñan as precipitacións e as temperaturas”, asume Montero, unha tarde a mediados de mes, nun descanso no traballo para sementar unha finca de 14 hectáreas no que lle bota unha man un sobriño.
Eles optaron pola estratexia de adiantar o cultivo para chegar antes aos mercados. “Esa estratexia tamén tiña que ver coas condicións climatolóxicas que se esperaban”, apunta Servando Álvarez, “contaban con que caese unha auga que fose salvando a pataca nos primeiros estadios do ciclo vexetativo, mais non caeu esa auga, polo tanto están na mesma situación que todos os demais”.
Álvarez intenta evitar o pesimismo, o ano pasado maio foi un mes seco e de moita calor, lembra, e despois xuño veu con bastante chuvia, e incluso se regou menos. “Veremos que pasa”. A pataca mira ao ceo.
“Os propietarios van entrar tamén no regadío porque o día de mañá, sen regadío, as fincas non valerán nada” (Julio Montero)
O futuro regadío automatizado aínda queda lonxe. “Tragsa di que queren empezar a perforar xa”, conta Montero. El vai investir uns 40.000 euros para traer o regadío ás 15 hectáreas que ten en propiedade. Como a maioría, case toda a terra que traballan é a través dun alugueiro. “Os propietarios van entrar tamén porque o día de mañá, sen regadío, as fincas non valerán nada”, opina.
Julio traballa esta tarde de maio de dúas a dez da noite. Di que na Limia non se topa xente para o campo. Que é moi duro. Que para recoller a man (recollen a man a metade das 30 hectáreas) ten que recorrer a cuadrillas de romaneses que veñen de Castela ou máis ao sur. Nuns anos, co regadío, aventura, a produción tenderá a concentrarse nuns poucos e a propiedade seguirá o mesmo camiño.
Antes, terá que salvar este ano. “Maio e xuño son claves”, insiste Servando Álvarez. “As patacas que se botaron antes xa tiñan que estar no proceso de tuberización, botar os tubérculos, se non teñen auga, van botar menos e a produción vai baixar”.