Na Fira de Barcelona, en L’Hospitalet de Llobregat, celébrase a partir do luns e até o xoves Alimentaria, o Salón Internacional de Alimentación, Bebidas e Food Service. Alimentaria volve despois de catro anos (a edición de 2020 suspendeuse pola pandemia, e no 2021 volveuse a adiar 11 meses). Alí estará Xosé Antonio Chao, técnico da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, no espazo expositor da Axencia Galega de Calidade Alimentaria con outros produtos galegos co selo de calidade.
A IXP Pataca de Galicia é unha das tres indicacións xeográficas de calidade de pataca que existen en España, as outras dúas son a Patata de Prades, en Barcelona, e as Papas Antiguas de Canarias. Na última campaña, plantaron 85 produtores dos rexistrados na marca de calidade galega, 65 deles pertencen á comarca da Limia, onde traballaron unhas 550 hectáreas.
A IXP representa unha parte (pequena) do sector da pataca. “Desde que se creou o selo de Produto de Calidade en 1989 até os anos 2009, 2010, a IXP foi medrando tanto en produción comercializada como en hectáreas controladas; mais o sector foi diminuíndo”, lembra Xosé Chao, que comparte a inquedanza do conxunto de pataqueiros da Limia a respecto da suba de prezos.
En Alimentaria, a IXP Pataca de Galicia difundirá información do produto e facilitará o portofolio de contactos aos visitantes profesionais da feira, case uns 30.000 no pavillón de produtos de España durante a edición anterior.
Na xornada do luns, pola tarde, teñen previsto facer unha degustación xunto coas indicacións Queixo de Tetilla, Lacón Galego, Castaña de Galicia e os viños da D.O. Monterrei. Ao día seguinte, está prevista a seguinte xunto a produtos de Agricultura Ecolóxica de Galicia, Tarta de Santiago e os viños da D.O. Valdeorras.
“Trataremos fundamentalmente con distribuidores, e máis en xeral con calquera empresario da cadea alimentaria. Este tipo de eventos tamén van dirixidos a prescritores de produtos, influencers, cociñeiros de prestixio... Desde as Indicacións Xeográficas do que se trata é de lle dar visibilidade aos produtos”, explica Chao.
Trataremos fundamentalmente con distribuidores, e máis en xeral con calquera empresario da cadea alimentaria, di Xosé Chao.
“É un escaparate interesante”, di o técnico, “permite dar a coñecer as zonas, as características, a capacidade de produción, ese o labor básico. Os contactos comerciais, loxicamente, correspóndenlles as empresas”.