domingo. 24.11.2024

O luns, as organizacións convocantes das protestas dos produtores na Limia rexistraron diante do Goberno central e da Xunta de Galicia, no Ministerio de Agricultura e na Consellería de Medio Rural, o escrito coa relación de demandas do sector primario da comarca. Hoxe, en Bruxelas, na nova sede da coordinadora Vía Campesiña, unha representante do Sindicato Labrego Galego (SLG) tivo ocasión de lle trasladar a problemática da comarca ao Comisario europeo de Agricultura, Janusz Wojciechowski.

Antes de partir cara a Bruxelas o martes, Sonia Vidal, limiá e membro da Executiva do SLG, explicou que “polo momento, a reacción da Xunta e do Goberno central ás nosas demandas non se produciu”. “Non nos basta con acordos ambiguos, como o do Goberno central cos transportistas... ou con que nos digan que se van reducir impostos, porque despois suporán recortes na sanidade, ou con repercutir o aumento do prezo sobre o consumidor. Iso non é o que pedimos”, explica Vidal. 

Este xoves, mentres o ministro de Agricultura, Luis Planas, comparecía no Congreso para pedir a convalidación do Real Decreto do 16 de marzo, un paquete de iniciativas que inclúe medidas en materia de Seguridade Social e tributaria, Sonia Vidal participou nunha reunión informal co Comisario europeo de Agricultura.

“Tivemos tempo de conversar da situación dos pequenos e medianos produtores e as dificultades que estamos a atravesar. Dixo que en moitas ocasións son os propios Estados quen marcan as liñas de axudas e a quen van dirixidas. El pensa que tamén as pequenas produtoras temos dereito a chegar ás axudas do segundo piar da propia PAC", comenta Vidal ao Diario do Limia. E engade, que Wojciechowski expresou diante dos representantes de sindicatos agrarios de distintos países que a liña a seguir “debería será o do auto-abastecemento, e a produción e venda local en mercados de proximidade”

O que piden agricultores e gandeiros, polo que saíron á rúa o martes anterior e sacaron os tractores o venres, é que a Xunta de Galicia “distribúa entre o sector fondos que cheguen dos Next Generation e faga de inmediato os adiantos da PAC”, indica Vidal. “É urxente contar con eses cartos para asumir toda a plantación que hai que facer agora. Ademais, ten que poñer todos os medios para que as Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) desenvolvan accións de revalorizar os diferentes produtos no mercado, desde o pan e o leite até a pataca e a tenreira”.

Via Campesiña (2)
Janusz Wojciechowski con sindicalistas de Vía Campesiña, hoxe en Bruxelas.

Wojciechowski expresou diante dos representantes de sindicatos agrarios de distintos países que a liña a seguir: auto-abastecemento, e produción e venda local en mercados de proximidade. 

Ao Estado, o que lle piden é unha rebaixa efectiva na electricidade e nos combustíbeis, “e non nos valen as bonificacións a posterior, porque os custes son insoportábeis. Así que deben negociar coas eléctricas e coas petroleiras esas rebaixas”

E de Europa, os produtores esperan unha “revisión” da Política Agraria Común que está en negociación de cara ao período que se abre no ano 2023. “Pero o máis urxente é que se revise no sentido de ser máis flexíbel de cara a este ano, e que se permita xa sementar os barbeito e poder abastecernos”, conclúe Vidal.

Hai unha semana, as produtoras e produtores, moita xente moza (“o futuro”, como insistiron desde a tribuna do remolque o pasado venres as organizacións), sacaron á rúa os tractores e puxeron enriba da mesa as súas demandas. E déronlle un prazo ás institucións: 8 días a contar desde este luns. Polo momento, non hai resposta. 

NOTICIAS A LIMIA | O Goberno e a Xunta xa teñen constancia oficial das demandas da Limia