“Levo vinte anos e pico escoitando que vai haber regadío nesta parte da Limia. Veño escoitando iso desde que sendo moi novo fun a unha reunión a Madrid”, di Amador Díaz, produtor e presidente da comunidade de regantes Alta Limia na nave de Piñeira Seca, onde este mércores pola tarde se traballa na clasificación de patacas. O día anterior estivo nunha reunión na Coruña coa Xunta e co Goberno.
Despois da poxa de cifras entre os equipos de comunicación da Consellería de Medio Rural (o luns anunciaron 36 millóns de investimento) e a Delegación do Goberno (o martes, 19 millóns), Amador Díaz explica cal é o compromiso concreto: construción de 43 pozos nas comunidades de regantes San Salvador de Porqueira, Lamas-Ganade, Corno do Monte e Alta Limia (4 millóns da Xunta), e infraestruturas de regadío nesas mesmas comunidades (15,9 millóns do Estado).
Hai tres anos que na Mesa dos Regadíos da Limia se discute sobre o financiamento. A idea inicial era que a Xunta asumise todo: pozos e infraestrutura. Mais nunca había cartos.
De súpeto, apareceron eses 600 millóns de fondos europeos modernización, e a Xunta levou o proxecto a Madrid. E aprobouse. A Sociedad Estatal de Infraestructuras Agrarias (Seiasa) incluíuno no plan de mellora dos regadíos, o único en Galicia.
Os pozos, con financiamento da Xunta, poderían empezar a executarse de inmediato. “Queda un trámite de exposición na Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e xa poden comezar a facerse. Nun mes. E no primeiro trimestre do ano que vén estarían listos”, informa Díaz.
Os pozos darán servizo a 2.587 hectáreas, miles de propietarios, centos de produtores, cousas minifundio. Só na comunidade da Alta Limia haberá 800, “é igual digo poucos”, apunta Amador Díaz. Primeiro faranse os pozos. Despois, estenderase o regadío.
Queda un trámite de exposición na Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e xa poden comezar a facerse os pozos. Nun mes. E no primeiro trimestre do ano que vén estarían listos”, informa Díaz.
Os regantes xa están a elaborar o proxecto de canalización, electrificación e demais intervencións. O proxecto costéano eles. E faino un técnico, en coordinación con Seiasa e Medio Rural, a consellería. Para o 2026, a obra debería estar rematada.
“Para nós, os regantes, significará tres cousas fundamentais: ser competitivos con outras zonas do Estado, poder diversificar cultivos, e unha mellora medioambiental que suporá un antes e un despois para esta comarca”, asegura Amador Díaz. “Eu teño na cabeza que o río Limia podería ter auga seguido”.
A terra vaise revalorizar. Mais aínda queda fóra unha ampla zona agrícola en Trasmiras e Sarreaus. “Temos necesidade de terra”, sinala Díaz. O futuro pasa por diversificar cultivos. Fixeron probas co millo; estanse a facer coa colza. A idea é romper ese ciclo pataca-cereal-pataca. O regadío debería permitir que entrasen no ciclo outros cultivos (xirasol, cebola, repolo) e ter 3 ou 4 sen plantar pataca.
A AMEAZA DA ZONA VULNERÁBEL
“Os agricultores temos levado a culpa de moitas cousas nesta comarca. Gandeiros e agricultores temos que ir da man. Esperamos que pronto, moi pronto, se presente un proxecto que vai cambiar as cousas na comarca. Mais agora mesmo, non sabería dicir quen, se é a Xunta ou o ministerio quen ten que impoñer esa declaración de zona vulnerábel”, comenta Díaz. O presidente dos regantes da Alta Limia concede que “a comarca non é capaz de soportar esa cantidade de xurros, e todos somos conscientes diso”.
E tamén asume que haberá restricións no uso de produtos fitosanitarios. E máis control tamén coa nova normativa dos abonos. “Haberá un control exhaustivo. Pero nós, as empresas, xa nos preocupamos da calidade do solo. Analizámola. E está o Consello Regulador para garantir a trazabilidade”.
Gandeiros e agricultores temos que ir da man. Esperamos que pronto, moi pronto, se presente un proxecto que vai cambiar as cousas na comarca", avanza o presidente dos regantes da Alta Limia.
“A marca? Non creo que a marca pataca da Limia se resinta. Somos a despensa da fabricación de frito a nivel estatal. Temos un gran produto. Todos os produtos galegos teñen boa aceptación, pero creo que a pataca da Limia ten aceptación por riba da media”, conclúe Amador Díaz.