"Son vostedes delincuencia organizada, e téñoo que dicir así de claro porque é a miña obriga como representante do pobo", dixo o deputado nacionalista Xosé Luís Rivas esta mañá na Comisión sétima (Agricultura) do Parlamento galego. "Está o PP por riba da lei?”, interpelou á comparecente, Sagrario Pérez, directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático. Rivas sinalaba un suposto trato de favor por parte da Xunta a un concellerio do PP en Rairiz de Veiga na tramitación dun permiso para aumentar a súa explotación.
Xosé Luís Rivas levou ao Parlamento o caso da ampliación da granxa de polos en Congostro, en Rairiz de Veiga, cuxo procedemento administrativo foi considerado nulo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) trala denuncia dun veciño cuxa vivenda está moi próxima á explotación.
O caso seguirá nos tribunais, porque Sagrario Pérez anunciou que a Xunta recorrerá a sentenza, confirmando o anunciado hai unhas semanas ao Diario do Limia pola Consellería de Medio Ambiente, aínda que sen precisar a data do recurso.
Xosé Luís Rivas lembrou primeiro os detalles do proxecto de ampliación, que pretendía “pasar de engordar 23.000 polos cada ano en seis ciclos, a engordar 48.000, producindo máis dunha tonelada de residuos” e como o TSXG anulou o procedemento por apreciar eivas tanto na avaliación ambiental como nas garantías de participación por parte dos afectados.
A continuación, criticou que a Xunta “faga como que fai” e na práctica non estea a aplicar a moratoria sobre a construción de novas granxas na Limia xa que abre a porta ás ampliacións deste tipo de explotacións.
Despois dixo que tanto a Xunta como o Concello de Rairiz “teñen que ser conscientes do problema de eutrofización nas augas do Limia polo exceso de esterco e da advertencia da Mesa da Limia a respecto da contaminación difusa por nitratos” na comarca. “Sabían todo isto, pero seguen a admitir ampliacións de granxas”, insistiu o nacionalista.
A directora xeral defendeu a actuación da Administración autonómica, dixo que os proxectos até 55.000 polos de engorde “só pasan incidencia ambiental”, que os funcionarios eran coñecedores do enclave da granxa e os posíbeis impactos, que se consultaron todos os órganos pertinentes (Patrimonio Natural, Instituto de Estudo do Territorio, Patrimonio Cultural, organismo de cunca, concello, Medio Rural, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural) e que só o Concello de Rairiz e a FEG non responderon á consulta.
A casa [do veciño que chegou até o TSXG para tombar a ampliación] se construíu antes que a granxa, e non a granxa antes que a casa” (Sagrari Pérez, directora xeral de Calidade Ambiental)
Explicou Sagrario Pérez que “a casa [do veciño que chegou até o TSXG para tombar a ampliación] se construíu antes que a granxa, e non a granxa antes que a casa”. Referíase a directora xeral á granxa de 23.000 polos. A ampliación, posterior, e que se construíu e está en funcionamento, como puido comprobar o Diario do Limia, é o obxecto da disputa.
Tamén dixo a responsábel de Calidade Ambiental que “a nulidade do procedemento non significa que o proxecto non se poida levar a cabo” e indicou que as alegacións presentadas pola SGHN son “consideracións que se deben presentar diante doutro órgano e non nun procedemento concreto de avaliación ambiental”.
A SGHN pediu, como leva pedindo durante os últimos 14 anos, que se tivese en conta o contexto e os impactos que leva sufrindo o territorio da Limia pola proliferación de explotacións de gandaría intensiva. Precisamente neste punto insistiu Xosé Luís Rivas. Dixo o parlamentario que “non se entende que non se faga unha avaliación conxunta do impacto no medio tendo en conta a situación preexistente”.
Rivas subliñou o feito de que o promotor da ampliación e propietario da granxa sexa concelleiro do PP, que ademais goberna en Rairiz de Veiga. E respondeu á directora xeral: “Vostede fala moito da legalidade do procedemento, pero está o PP por riba da lei? Por riba da saúde, do medio natural? Parece que pesan máis os chanchullos que todo iso e este é un caso máis”.
Rematou cun duro ataque á política da Xunta a respecto do problema da contaminación na Limia. “Cantas ampliacións se veñen concedendo na Limia deste xeito, digamos, pouco claro?”. E concluíu: “conculcan a lexislación, isto convérteos en cómplices necesarios e delincuencia organizada”.
A directora xeral non respondeu a esta afirmación. Mais dixo que ademais de recorrer á sentenza, "a Xunta aprenderá do que di a sentenza, para ver como mellorar o servizo que prestamos aos cidadáns".