jueves. 21.11.2024

Nun comunicado de prensa difundido esta tarde desde o Grupo Parlamentario do BNG, as nacionalistas informan dunha iniciativa para poñer en marcha un plan urxente co fin de recuperar as augas e terras contaminadas na Limia, que foi rexeitada no pleno polo Partido popular.


Xosé Luís Rivas, o deputado nacionalista pola Coruña que leva semanas interpelando ao Goberno galego diante da inminente aprobación dun decreto ministerial que declare a comarca limiá como zona vulnerábel por contaminación por nitratos, instou hoxe á Xunta a "mudar o modelo e apostar pola gandaría extensiva de vacún, ovino e cabrún para recuperar 10.000 hectáreas [na Limia] en cinco anos".


O BNG, que atribúe a contaminación a estercos e puríns procedentes de “granxas intensivas de porcino e aves”, reclamaba un plan urxente ao tempo que animaba a "establecer, de inmediato, unha moratoria de novas explotacións gandeiras intensivas de porcino”, segundo subliña o comunicado.


Tamén piden as nacionalistas "frear a ampliación das granxas existentes" e reclaman deseñar proxectos de compostaxe na xestión dos xurros para o seu aproveitamento como fertilizantes que substitúan os abonos de síntese naqueles lugares onde exista un excesivo número de explotacións gandeiras intensivas.


O deputado nacionalista cualificou de “errática” a xestión da consellería de Medio Rural e aludiu ás declaracións [onte, nun acto en Ourense] do propio conselleiro sobre a inversión compartida entre Xunta e Estado para potenciar de “maneira sostible” o sector agrario da comarca, cando en realidade dos 36 millóns son destinados 4 e aínda así, dixo, “seguen sacando peito”.

 
Ademais, Xosé Luís Rivas criticou que as propostas da Mesa da Limia, do 4 de outubro do 2019, “quedaran en fume” como o Plan estratéxico Agrario para a Limia, un Plan de formación Agrogandeiro, ou sobre o anteproxecto de lei de Xestión de xurros e estercos. O deputado incidiu na gravidade da contaminación das terras e augas da comarca de Limia que representan a ameaza real de chegar a  ser declarada “zona vulnerable por saturación de nitratos e fosfatos”.

 

Tras a intervención do portavoz popular, Elena Candia que presentou unha emenda á moción do BNG, o deputado nacionalista rexeitou a proposta afirmando que non aportaba ningunha mellora ao texto nin se comprometía co sector. "Nós", dixo, “chamamos fume a todo o que leva o vento e todo o consensuado na Mesa da Limia, levouno o vento”. Rivas negou que o problema sexa exclusivamente do regadía, pozos e canles, como afirmou a deputada do PP, o verdadeiro problema, reiterou, é “a contaminación por nitratos e fosfatos”. 

NOTICIAS A LIMIA | O PP rexeita a proposta do BNG para recuperar as augas e terras da...