Menos dunha semana despois de que Xosé Luís Rivas (BNG) interpelase na comisión de agricultura á Directora xeral de Calidade Ambiental, dependente de Medio Ambiente sobre a ameaza dunha declaración da Limia como zona vulnerábel por contaminación por nitratos, o BNG levou ao pleno do Parlamento unha pregunta ao conselleiro de Medio Rural sobre a mesma cuestión.
Foi de novo o deputado Xosé Luís Rivas de lanzar as críticas dos nacionalistas contra a xestión da Xunta. Insistiu en que os compromisos da Mesa da Limia seguen sen se cumprir. "Non sabemos nada do Anteproxecto de Lei Reguladora do Sistema Integrado para a Xestión das Dexeccións Gandeiras de Galicia, nada do Plan Estratéxico do Sector Agrario da Limia, nada do prometido Plan de Formación, nada da posta en funcionamento da Planta de Sarreaus... nada sabemos de nada. Todo fume".
"Non son vostedes os primeiros en traer esta problemática a esta cámara", respondeu o conselleiro José González. "Mentres vostedes se fan preguntas, nós traballamos para poñer coto o problema e nas solucións".
Lamentou o parlamentario nacionalista que a eventual declaración da Limia como zona vulnerábel pola contaminación do solo e as augas sexa "unha espada de Damocles" sobre os produtores da comarca e que a Xunta nin sequera atenda ese problema urxente.
O conselleiro asegurou que Galicia "non ten declaradas zonas vulnerables por contaminación por nitratos é debido a que previamente é necesaria a declaración de masas de auga afectadas", que no caso da Limia "corresponde ao organismo de conca, a Confederación Hidrográfica Miño Sil, adscrito ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. É dicir, a competencia é estatal".
Tamén culpou ao Goberno central do atraso nas solucións para A Limia. Sostivo José González que "a Xunta deseñou un proxecto moi serio" para a xestión conxunta dos xurros desta comarca e de Galicia en xeral. Un proxecto que foi presentado aos fondos Next Generation, dixo, antes de lamentar que "aínda non temos ningunha resposta por parte do goberno central".
Mentres o deputado do BNG pediu que a Xunta traballase para adiar no posíbel esa declaración de vulnerabilidade coa que ameaza a Comisión Europea "e que non merecen nin a comarca nin os seus produtores", o conselleiro reiterou a aposta da Xunta "pola xestión sustentable da actividade agrogandeira en toda Galicia e en particular na Limia".
O conselleiro engadiu que a Xunta xa traballa na modernización do regadío da Limia, cun investimento de 15,9 millóns de euros por parte do Estado que, segundo advertiu, Galicia "tivo que demandar logo dun primeiro reparto de fondos que non deixaba nin un euro en Galicia". E subliñou que el mesmo foi quen de convencer ao Goberno central "da necesidade dun investimento adicional no que se refire á limpeza das canles e dos camiños paralelos", outros 16 millóns de euros.