Situaríase no límite sueste da zona de aproveitamento, a 800 metros da Veiga de Ponteliñares

NOTICIAS A LIMIA | Proxectan en Congostro (Rairiz) outro polígono eólico

Carolina sinala, desde Santo André, a zona dos aeroxeradores proxectados. | FOTOS: Noelia Caseiro.

Desde a Aldea Rural Santo André, en Congostro (Rairiz de Veiga), divísanse con claridade os aeroxeradores do Larouco e de Cabeço Alto. Son máquinas pequenas en comparación coas que amezan aos penedos que, desde esta vista, quedan xusto no medio: A Aguioncha. A paisaxe da Limia pode mudar nun abrir e pechar de ollos se os plans das grandes corporacións eléctricas seguen adiante sen freo.

En Santo André vive Carolina coa súa parella. Levan uns anos aquí. Carolina comprometeuse co comunal e a semana pasada conseguiu que a nomearan administradora. A orde do día da reunión non incluía un punto para falar dos eólicos. Mais en Congostro os eólicos son hoxe un asunto cotiá. 

Hai un par de empresas, di Carolina, que viñeron negociar coas veciñas e veciños. Ofrecen cartos. Ofrecen un contrato no que os arrendatarios (a empresa) recoñecen que o proxecto de polígono eólico non ten nin dereito de acceso á rede nin está presentado a trámite público.

Pretende a empresa alugar ás terras durante 30 anos, con prórrogas a continuación. E coas condicións habituais: limitación ao que a “Propiedade” pode facer dentro dos montes arrendados á “Superficiaria”. O contrato contempla incluso que a empresa (a “Superficiaria”) poida rodear cun valado o polígono.

Carolina e o resto dos veciños empezaron a escoitar falar dos eólicos hai un par de meses. Entre os comuneiros parece que hai interese en aceptar un trato. A comunidade puxo o asunto en mans dun avogado, pero os negociadores das empresas insisten: aí ao lado (Carpazás, en Bande) van aceptar, ides ter os aeroxeradores igual pero non ides cobrar un can. Con ese argumento e o da expropiación, explicitado nunha reunión o 8 de maio na que estivo presente a alcaldesa, Asunción Morgade (PP), ameazan á veciñanza. 

O proxecto de polígono eólico non ten nin dereito de acceso á rede nin está presentado a trámite público.

As veciñas e os veciños non coñecen as dimensións do polígono nin as dos aeroxeradores nin onde se proxectaron os accesos nin a infraestrutura de evacuación. Apenas viron un mapa. O mapa (que se publica máis abaixo) sinala unha liña de 12 aeroxeradores que comeza a 800 metros da Veiga de Ponteliñares, na marxe dereita da canle, e sobe cara o norte en paralelo ao límite administrativo entre Bande e Rairiz.

Mapa que coñecen algúns dos veciños.

 

Algúns muíños aparecen enclavados en Rairiz. “Catro, segundo unha empresa; seis, segundo outra”, conta Carolina. O mapa non é oficial. O Concello de Rairiz de Veiga di que non ten constancia de proxecto ningún. No Rexistro Eólico de Galicia tampouco aparece. 

O aeroxerador máis ao sur fica a menos dun quilómetro da canle do Limia (ao sur) e a menos dun quilómetro da aldea de Güín. No medio, Greenalia ten previsto facer pasar a LAT que está en exposición pública. A mesma LAT que pasa entre Carpazás e Trairigo, tamén en Bande. A LAT sería, de saír adiante este proxecto, o menor dos problemas para as xentes de Güín, Carpazás e Trairigo. 

Este polígono sen nome estaría no límite da zona de aproveitamento eólico do Vieiro, invadindo as zonas de Reserva da Biosfera de Allariz e do Xurés-Gerês, e no linde da Rede Natura. 

O cuarto e quinto aeroxerador quedarían aproximadamente a un quilómetro de Trairigo, a menos de dous de Carpazás. Esas dúas máquinas sitúanse nun rango de entre 900 metros e 1,2 quilómetros de distancia a Congostro. Máis ao norte, en Santo André, o impacto máis severo produciríao a maquina número 6, a 1,1 quilómetro, aproximadamente, das casas. 

A liña de aeroxeradores vira despois cara ao noroeste polos Penedos da Fonte de Carballo até o Monte de Casares, xa en Verea. Segundo o mapa, este proxecto discorre en paralelo, cunha liña de máquinas sueste-noroeste para aproveitar os mellores ventos, ao polígono que Greenalia impulsa no Monte Grande de Bande, denominado Fontesanta, e que tamén está en exposición pública.

Carolina López, no seu negocio en Santo André.

Este polígono sen nome de Rairiz-Bande-Verea, que está debuxado nun mapa e nuns contratos, estaría no límite da zona de aproveitamento eólico do Vieiro, invadindo as zonas de Reserva da Biosfera de Allariz e do Xurés-Gerês, e no linde da Rede Natura. 

Nos próximos días os comuneiros volveranse xuntar. Algúns teñen présa, explica Carolina, por pechar o contrato. Ela pensa que non deben precipitarse. “Informarnos, e despois votar”, pide. Xa se puxo en contacto con colectivos ecoloxistas e pediu información ao Concello de Rairiz de Veiga. 

Semanas atrás, o órgano xestor da Reserva da Biosfera de Allariz apoiou a solicitude de moratoria eólica en áreas protexidas con esta figura, despois dunha campaña do Sindicato Labrego Galego en coordinación coa rede estatal Aliente.