jueves. 21.11.2024

O Antela venceu esta tarde na Moreira 5-2 ao Sporting Carballiño e rematou a fase de ascenso en primeira posición, con 21 puntos, 20 goles a favor (o equipo máis goleador xunto co Celanova) e só 9 en contra (o menos goleado). Avantaxou nun punto ao Allariz e en tres ao Celanova, equipos cos que competiu na fase previa e aos que tivo que remontar sen enfrontamentos directos entre eles. 

O Antela proclamouse campión da Liga de Primeira provincial por cuarta vez na súa historia, e conseguiu o seu quinto ascenso a Preferente, a categoría que marca o seu teito até o momento. A tempada que vén o Antela será novo equipo de Preferente Sur, o mesmo que o Moraña e o Racing Castrelos, os dous primeiros da fase de ascenso no grupo Pontevedra/Vigo. 

O partido desta tarde na Moreira resolveuno Joni con dous goles na segunda metade despois de que o Carballiño recortase distancias por dúas veces (2-1, minuto 47; e 3-2, minuto 53). Antes anotara Borja, tamén dúas veces, ao principio e ao final da primeira parte. O ramo púxoo Pisto, que lanzou o penalti que supuxo o 5-2 definitivo a pouco do remate do encontro. Despois, xogadores veteranos cortáronlle a coleta na súa despedida ligueira como futbolista do Antela.

Para o técnico, Óscar Sabucedo, que chegou en xaneiro, foi o seu primeiro ascenso. Con Óscar o Antela clasificouse terceiro na fase incial, por detrás do Celanova e do Allariz, e nos oito partidos da fase de ascenso completou a remontada (partida en desvantaxe con estes dous rivais, e tamén co A Peroxa e co Vilariño). Na Moreira gañou os catro partidos; fóra sumou dúas vitorias, un empate (no Carballiño) e unha derrota. 

O Antela disputará o pasado mañá martes o partido de Copa diante do Santa Teresita na Moreira. 

AVANCE | O Antela, campión de Primeira e novo equipo de Preferente