jueves. 21.11.2024

O Antela F.C. recibe ao Monterrei no que desde o club da Moreira denominan o derbi das Estivadas. Será este domingo ás 16:30 horas no Estadio da Moreira dentro da 13.ª xornada da Primeira Galicia Grupo 4º, Subgrupo B (Ourense). Á mesma hora, e no campo contiguo, o campo José Antonio Fernández Carrera, o E.D.C Xinzo de Limia recibe a visita do líder, o Maceda, nun choque correspondente á 13.ª xornada da Segunda Galicia Ourense, Grupo 3.

Habitualmente o equipo sénior das Escolas Deportivas disputa os seus encontros como local os sábados pola tarde, mais nesta ocasión, a celebración de partidos doutras categorías no sintético fixo que o horario estivese completo o sábado, segundo explica a directiva do club.

O Antela, despois do debut de Óscar Sabucedo no banco en Allariz, marcha sexto na clasificación, polo de agora, fóra dos postos de promoción, con tres puntos menos que o seu rival, que é terceiro (e xa disputou dous partidos máis). O Antela volve á Moreira con novo adestrador e coas baixas de Breixo, Samuel e Vilela. O Monterrei vén de gañar ao Covadonga (3-1). Na primeira volta, o Antela venceu a domicilio (0-3).

No grupo 3 da Segunda Galicia, o sénior das Escolas Deportivas de Xinzo figura no quinto posto da táboa, mais lonxe das prazas de ascenso e promoción. O Maceda gañou dez dos doce partidos de Liga, nos que anotou 44 goles e só encaixou 7. O Maceda vén de golear o Molgas (4-0). O EDC de Xinzo gañou o seu último partido na casa (3-2, contra o Trives) e viu aprazado o choque da xornada anterior en Viana. 
 

DEPORTES A LIMIA | Antela e Escolas Deportivas, dous partidos sobresaíntes, á mesma...