O Barbadás é o novo gran favorito á vitoria na Copa despois da renuncia da Unión Deportiva Ourense a continuar na competición. A renuncia da UD ten unha consecuencia inmediata: o seu rival, o Ribadavia Atlético pasa a cuartos de final. A UD informou nun comunicado de prensa esta semana dos motivos da súa renuncia, fundamentalmente a necesidade de dar por terminada xa esta tempada para poder planificar a próxima en Terceira.
O Barbadás tamén ten un asunto pendente que resolver antes de se enfrontar ao Antela na Moreira. Esta fin de semana xogará en Chantada diante do Sarriana para determinar cal dos dous equipos accederá á Copa do Rey a próxima tempada. Ese compromiso do Barbadás obrigou a atrasar a eliminatoria de oitavos da Copa Deputación até o mércores día 8 de xuño. A hora do partido, ás 21:00.
Os de Óscar Sabucedo adestraron onte e teñen programadas sesións para mañá e pasado mañá. Os xogadores máis lastrados, entre eles Suso, Pedro e Xabi Lamas, tres pezas básicas no equipo, tiveron un par de semanas de recuperación desde o encontro co Santa Teresita o Día das Letras. Así que o Antela chegará ao choque contra o rival de máis nivel esta tempada despois de tres semanas sen competir.
Pola súa parte, o primeiro equipo das Escolas Deportivas de Xinzo intentará ser protagonista doutra sorpresa. Xogará o partido de oitavos no estadio José Antonio Fernández Carrera diante do Sporting Carballiño este sábado ás 16:00 horas.
O resto de cruces de oitavos son os seguintes: Viana-Soutopenedo, Pabellón Ourense-Cortegada, Coles-Allariz, A Bola-Maside, e Monterrei-Nogueira de Ramuín. O Nogueira descendeu de Preferente xunto a outros dous equipos ourensáns. Estes descensos e o ascenso da UD, deixan a división con só catro equipos ourensáns: Antela, Arnoia, Barbadás e Verín.