A Deputación Provincial anunciou este venres nun comunicado que colaborará coa I Subida a Vilar de Barrio, puntuábel para a Copa de España de Montaña de automobilismo e que se celebrará os días 5 e 6 de novembro.
Esta mañá no Pazo Provincial, o presidente da Deputación, Xosé Manuel Baltar, reuniuse con membros da Asociación Clube de Automobilismo Talariño: o secretario da entidade, Javier Merino; o tesoureiro, Óscar Vázquez e o vogais Manuel Grande e Alfonso Cid.
Á xuntanza tamén asistiu o alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde.
Desde a entidade organizadora advirten que a axuda da Deputación Provincial aínda non se concretou. “Temos o compromiso”, din as fontes. En canto haxa unha estimación do orzamento da proba, que será puntuábel para a Copa de España de Escuderías de Montaña, acordarán a cantidade da achega da institución provincial.
O percorrido da I Subida a Vilar de Barrio será un tramo da OU-113 entre Borrán, concello de Vilar de Barrio, e Alberguería, Laza. Serán cinco quilómetros na zona do Alto do Talariño.
Antes, como lembra a Deputación no seu comunicado, celebrarase a Subida á Saleta, no Carballiño, o 20 e 21 de maio e que tamén conta co apoio da entidade que preside Baltar.