jueves. 21.11.2024

A Fundación Euskadi é unha estrutura "única" no pelotón ciclista internacional, é o "único proxecto cunha pirámide de canteira no ciclismo masculino e feminino", di a entidade nun comunicado de prensa este martes, o día da presentación oficial dos equipos Euskaltel Euskadi (UCI Pro Team), Laboral Kutxa (UCI Women´s Continental Team) e Laboral Kutxa sub 23 masculino. 


No primeiro equipo profesional masculino, un galego, Carlos Canal, de Xinzo de Limia. Unha das incorporacións dunha estrutura que se alimenta sobre todo da canteira vasca. Canal abre unha páxina na historia do equipo laranxa. E, a partir do xoves, será ademais unha das pezas claves do Euskatel na volta ciclista O Gran Camiño, catro xornadas por estradas do país e un paso (meta voante) o sábado, etapa raíña, por Xinzo. 


Canal, segundo manifestou ao Diario do Limia a semana pasada xusto despois de volver do Tour de Omán, virá coa intención de competir pola clasificación xeral. Hoxe, na sede de Euskaltel en Zamudio (Bizkaia) foi un dos protagonistas co maillot laranxa. 


O galego fai parte dun equipo ciclista de grandes dimensións, tanto deportivas como sociais. As tres escuadras profesionais suman 53 ciclistas, mais detrás hai unha canteira duns 300 ciclistas en categorías inferiores. Ademais dos patrocinadores (37 esta tempada) o proxecto conta cunha masa social de 1.500 persoas que sosteñen un símbolo do deporte vasco.


O equipo confirmou os seguintes corredores para a disputa do Gran Camiño
Antonio Angulo
Ibai Azurmendi
Joan Bou
Carlos Canal
Unai Cuadrado
Asier Etxeberria
Luis Ángel Maté


O Gran Camiño suporá o regreso do pelotón profesional a Galicia despois de que nos últimos anos La Vuelta incluíse, en sucesivas edicións, varias etapas por estradas galegas. Para o Euskatel, os grandes obxectivos da tempada son a Itzulia Basque Country e La Vuelta a España, con tres etapas en territorio vasco.


Mais o equipo da Fundación aínda debe gañar o seu dereito a participar. Con Carlos Canal esta semana empezará a facer méritos para regresar a unha das grandes, na que Carlos Canal se estreou con éxito hai uns meses, xusto antes de fichar polo Euskaltel Euskadi.

DEPORTES A LIMIA | Presentación de Carlos Canal co Euskadi, moito máis que un equipo...