En Sant Feliu de Guíxols, na Costa Brava, comeza hoxe a 101.ª edición da Volta a Catalunya. Carlos Canal, o ciclista limiao do Euskaltel, regresa a competición dun mes para afrontar dúas probas World Tour (a máxima categoría do ciclismo mundial) nas que se decidirán boa parte das súas opcións de facer parte do equipo que a escuadra vasca presente na próxima Vuelta a España. Canal falou co Diario do Limia antes de viaxar onte até Girona.
Como é o seu día a día cando está na casa en Xinzo?
Temos todo moi medido. Seguimos estritamente as indicacións do preparador físico e do nutricionista. Levántome sobre as 8:30, almorzo e salgo a adestrar ás 10:30 horas. Fago uns 800 quilómetros á semana. Nas previas á competición, baixo até os 500 quilómetros. Estou de volta sobre a hora de xantar ou algo máis tarde. Chego. Como. Durmo unha sesta ou estudo algo. Se me apetece saír, saio un pouco. O habitual é tratar de estar tranquilo e descansar todo o posíbel.
Como leva os estudos?
Estou en Enxeñería de Organización Industrial. Vou pouco a pouco. Fágoo por unha cuestión persoal. Tamén por non estar sempre coa cabeza metida nunha burbulla. Pero para os ciclistas é máis esforzo que para outros deportistas. Hai quen adestra dúas horas ao día. Nós, para preparar unha gran volta, facemos sete ou oito horas de bicicleta... No ciclismo o rendemento físico é todo. Esixe as 24 horas do día. Moitos días chegas desfeito...
Que é o que máis lle sorprende da elite?
A capacidade de adaptación do corpo. A esixencia é máxima. Cando chegas, é un golpe de realidade tremendo. Pasas de andar adiante a quedar dos últimos. Psicoloxicamente é moi complicado. Na vida do ciclista a cabeza é primordial. Calquera persoa media pode chegar a ser ciclista profesional, igual para gañar un Tour necesitas unha xenética especial, pero para ser ciclista penso que non. O que si é imprescindíbel é sacrificarse, cabeza fría, ambición, saber sufrir.
Como é ese sufrimento enriba dunha bicicleta durante unha carreira?
Son catro horas de pensar que non das máis. A min o ciclismo encántame... pero na vida profesional dun ciclista o 90% do tempo que pasas enriba da bici son malos momentos. O sufrimento é fatiga, mareos, sentirse baleiro, sen forzas, pasar fame, rebentar e quedar tirado e que teñan que vir buscar. O corpo mellora a base de levalo ao límite, día tras día, e sobrepasalo. As carreiras son catro ou cinco horas padecendo. Na competición é raro gozar. Pasa poucas veces. Sempre vas ao límite. Sempre padecendo.
Que carreira ciclista quere ter?
Igual que hai que ter ambición, hai que ter paciencia. Hai que respectar uns tempos lóxicos. Eu véxome alcanzando o meu mellor momento aos 24 ou 25 anos [ten 20]. Gustaríame correr un Tour.
Igual para gañar un Tour necesitas unha xenética especial, pero para ser ciclista penso que non. O que si é imprescindíbel é sacrificarse, cabeza fría, ambición, saber sufrir.
Agora hai máis présa nos equipos porque os corredores empecen a gañar canto antes?
Ben, o que están ganando Bernal, Pogacar, Evenepoel ou Van der Poel hai xente que non o gañará nunca por moi longa que sexa a súa carreira profesional. Pode que haxa présa. Pero ti tamén podes enfocar a túa carreira, hai equipos que toman máis riscos cos mozos e outros que toman menos. Eu xa tomei risco correndo á Vuelta o ano pasado. Vou tomando as miñas decisións.
Como encaixa no seu enfoque a fichaxe polo Euskaltel Euskadi?
Teño dous anos firmados con eles. Penso que é un equipo que coida aos corredores máis mozos. Queren facer as cousas cos tempos correctos. Pero iso non quita que non esixan estar cos mellores cando compites. Agora vou estar en dúas carreiras World Tour, Catalunya e o País Vasco, de máximo nivel.
Cal vai ser o seu papel no equipo nestas carreiras?
Confían en min. Pensan que podo ser un corredor sólido para nas carreiras dunha semana ou nas grandes. Recupero ben. A partir de agora, teño moi bo calendario. Iso é malo por unha cousa: téñoo máis difícil para destacar. Por moi ben que estea, competindo cos mellores do mundo, que enriba están preparando o Tour de Francia, vai ser complicado estar diante.
Vese con opcións de estar na Vuelta deste ano?
Si. Obviamente é moi cedo para dicilo. Pero si que teño opcións se todo vai ben nos próximos meses.
As carreiras son catro ou cinco horas padecendo. Na competición é raro gozar. Pasa poucas veces. Sempre vas ao límite. Sempre padecendo.
Como se lle dan as carreiras dun día?
Pois non teño moita experiencia nelas. A todo non se pode estar. Claro que me gustaría facer un pouco de calendario. Quizais a final de tempada...
En que aspectos destaca vostede como ciclista?
Son un corredor todoterreno. Por corpulencia e peso non son escalador, pero paso bastante ben. Teño punta de velocidade. E parece que as contrarreloxo se me queren dar ben. Iso hai que traballalo. O noveno posto na crono do Gran Camiño é unha referencia boa.
Axudoulle vir da bici de montaña?
A diferencia é enorme. Dei un salto un pouco de maneira inconsciente. Non é fácil que che saia ben. A adaptación foi terríbel. Tes eses momentos que pensas que nunca has chegar ao nivel dos outros...
Xa se sente consolidado como ciclista profesional?
Si. Esa etapa de dúbidas penso que xa está superada. Obviamente estou aínda lonxe dos mellores do mundo. Pero síntome ciclista profesional.
Que queda do asunto da dopaxe?
Está todo moi controlado. Hai controis por sorpresa mesmo cando estás na casa. Calquera cousa que pase, pechan o equipo. Ás veces paréceme que imos asustados demais. Un positivo pode dar por unha medicación común. Hai que estar moi atento. Se, por exemplo, che pica unha abella e tomas a medicación que tomaría calquera, pois tes que estar un mes sen correr.