jueves. 21.11.2024

Óscar Sabucedo traballou o luns despois do ascenso (e o título) do domingo na Moreira. Pola tarde atendeu ao Diario do Limia para comentar o éxito dunha tempada que aínda non rematou. O Antela xoga esta tarde (18:00 horas, na Moreira) diante do Santa Teresita a eliminatoria a partido único de 1/16 da Copa Deputación. Os Forri e Suso, lesionados, causan baixa. O resto do equipo está a disposición do técnico. 

“É unha competición na que hai ganas de volver a unha final. É unha competición que me gusta e tiven a sorte de gañala. Xogaremos para superar a un Santa Teresita, un rival complicado, co que competimos até o final na Liga e que salvou sen apuros a categoría, e por riba chega cun día máis de descanso”, di o adestrador.

Fálenos da tempada na Liga. Vostedes chegaron en xaneiro [Jonathan Lameiras, acompáñao como segundo técnico], que cambiaron no equipo?
A verdade é que non teño referencias do que se facía antes. Nós chegamos cunha filosofía clara: traballo, traballo e máis traballo. A maioría dos xogadores entendérono, apostaron por iso e quixeron. Esa foi a razón principal do éxito, que eles quixeron.

Cal foi o momento clave desa fase?
O partido diante do Cartelle. Aínda non tiñamos a praza de promoción amarrada e, se perdiamos, púñanse a un punto. Gañamos, aseguramos unha praza na fase de ascenso e collemos confianza. 

Que xogadores vos sorprenderon?
Xabi Lamas é o xogador que máis me sorprendeu. Non o coñecía. Foi un rapaz que me sorprendeu moitísimo. Tamén Peque. E, entre os que xa coñecía algo, pois quizás Breixo.

Hai unha relación especial entre vostede e Borja Tazos, certa complicidade?
Coñecíao de ola e adeus, nada máis. Pero pola súa forma de ser, penso que é u futbolista ao que lle tiña que prestar certa atención nos partidos. Algunhas cousas que fago é para metelo no partido. Para que estea centrado. É un xogador moi aproveitábel e creo que o logrei motivar.

Que importancia tivo Pancho no equipo?
Pancho levaba tempo sen competir, chegou coa tempada comezada... nos campos pequenos defendeuse ben, na Moreira custoulle máis. É un xogador diferente, como el non hai outro neste equipo. Así que intentamos utilizalo para ter o control do xogo, o dominio da pelota. Ás veces saíndo no once; outras, desde o banco. 

Tazos é u futbolista ao que lle tiña que prestar certa atención nos partidos. Algunhas cousas que fago é para metelo no partido. É un xogador moi aproveitábel e creo que o logrei motivar.

En que momento viu o ascenso perdido?
No Carballiño. Despois do empate... Aqueles dous puntos que se nos foron co partido terminado... No Pereiro, perdendo 2-1 co Vilariño estabamos fóra, pero neses momento estás metido no partido e non pensas niso. Sen dúbida o momento que vin máis lonxe o ascenso foi o terminar no Carballiño.

Pancho é un xogador diferente, como el non hai outro neste equipo. Así que intentamos utilizalo para ter o control do xogo, o dominio da pelota. Ás veces saíndo no once; outras, desde o banco. 

Foi ese o partido que máis sufriu desde o banco?
Penso que si, porque cando fixeron o 2-3 vin que nos dominaban, que o empate podía chegar. Na Peroxa, perdendo 1-0, o Antela dominou, creou ocasións, tiven confianza até o final e puidemos empatar. Pero eses minutos finais no Carballiño non os controlamos, estivemos desorganizados. 

Cal foi o partido máis completo?
Contra o Atlético Vilariño na Moreira, o primeiro partido desta fase. Foi un partido fundamental. Eles viñeron a non xogar nin deixar xogar. Pero o Antela estivo moi concentrado durante todo o partido. Sabiamos que ía ser un partido complicado, que non había que perder a concentración e que habería que insistir e insistir. Mais, na miña opinión, o día que mellor xogamos ao fútbol foi no partido anterior, o derradeiro da primeira fase en Celanova. O equipo fixo un partido incríbel e déronse conta de que podían competir con calquera. 

Cando empezou a pensar que o ascenso era posíbel?
A semana pasada, despois de coñecer o empate entre o A Peroxa e o Allariz. Até ese momento, non. Porque dependiamos doutros, e evidentemente esa non é a mellor situación. 

O día que mellor xogamos ao fútbol foi no partido anterior, o derradeiro da primeira fase en Celanova. O equipo fixo un partido incríbel e déronse conta de que podían competir con calquera. 

Que lle pareceu a categoría, a Primeira, como están os equipos e os clubs?
Pois o que me parece é que os clubs están cada vez mellor organizados, que hai máis seriedade e mellores infraestruturas. E penso que o que segue fallando é o compromiso dalgúns xogadores, e non falo do Antela, senón en xeral. Paréceme que as directivas están máis comprometidas que moitos xogadores. 

_DSC0649 (FILEminimizer)
Sabucedo, ao final do partido do domingo. 

Como é o salto a Preferente?
E significativo. Vémolo todos os anos cos equipos ourensáns. Se non se reforzan, sofren moito. En Pontevedra hai máis xogadores, xente que vén de categorías superiores ou clubs que moven orzamentos enormes. Creo que o Antela ten que manter a base, e seguir sendo un equipo con xogadores de Xinzo, pero tería que facer algúns retoques para competir.

Se a directiva quere falar, sentaremos. A nosa predisposición é boa. Sentímonos ben tratados.

Como é a súa predisposición e a de Lameiras, o seu axudante, para seguir no Antela?
Estamos moi contentos. Esperaremos a que remate a Copa. Se a directiva quere falar, sentaremos. A nosa predisposición é boa. Sentímonos ben tratados.

Ve ao Antela con feituras como club para estar en Preferente?
Polo que puiden apreciar, na directiva todos lle queren ao Antela. Ninguén dos que están aí, están por outras razóns. Todos os días aprendes, e o que hai que ter é predisposición para aprender. Vexo un club con bos piares e con apoio social. Penso que se o equipo responde, a afección vai responder.

Como de importantes foron estes catro meses aquí para vostede na súa faceta de adestrador?
Foron moi enriquecedores. Collemos o equipo nunha situación complicada porque estaba lonxe do seu obxectivo, e acabamos conseguindo o obxectivo. É unha satisfacción. E tamén o foi ver o domingo A Moreira chea de xente gozando co seu equipo. Síntome orgulloso. 

ENTREVISTA | “Xabi Lamas é o xogador que máis me sorprendeu”