jueves. 21.11.2024

Joni derrubou un muro. Carrasco descubriu o camiño no campo de minas e filtrou un pase que non hai defensa que resista. A calidade acabou por tombar un rival que resultou ser unha dor de moas. A definición de Joni a cinco minutos do final premiou a quen mais expuxo e arriscou para gañar. O Antela xa sabe a que se enfronta nesta fase de ascenso. 

Gañaron tamén o Celanova, o Allariz e o A Peroxa. A clasificación queda con estes tres equipos na cabeza e o Antela xa é cuarto. Hai un mes, os de Óscar Sabucedo non tiñan amarrada a praza na fase de ascenso. Hoxe son un dos candidatos. Tombaron ao Vilariño, o segundo do Grupo A na fase anterior. O Antela segue crecendo.

O Vilariño puxo unha parede de oito xogadores (máis o porteiro) no seu campo. Renunciou desde o principio ao ataque. Xuntou liñas e encheu o medio campo para formar un atasco a cada centímetro. Empezou sendo unha parede, despois un muro, unha dor de cabeza, unha tarde agradábel que se converteu nun inferno para Pedro. Imposíbel atacar.

Sen campo por diante, o xogador máis determinante do Antela non acabou esgotado como en tardes anteriores, acabou aburrido. A estratexia do Vilariño tamén fixo inútiles os esforzos de Pablo Forri por abrir o campo e asear o xogo de ataque. Non funcionou ese plan. E Xabi Lamas pasou medio partido mirando pasar a pelota. 

E Pancho non estaba. Tampouco houbo conexión Pedro-Borja nin presencia das bandas. Todas as virtudes do Antela quedaron bloqueadas por un Vilariño que só traía un guión e aplicouno ao partido como un pisón. 

Sen campo por diante, o xogador máis determinante do Antela (Pedro) non acabou esgotado como en tardes anteriores, acabou aburrido.

Contra o final da primeira parte, unha boa xogada por banda entre Tazos e Joni, e un disparo axustado ao pau de Pedro pareceron abrir unha fenda no Vilariño. Á volta do descanso, Joni tivo de novo o gol despois dunha diagonal desde a esquerda. Fíxoo todo ben, pero mandou o disparo alto. Na xogada seguinte puido marcar o Vilariño, que tiña o partido onde quería: fóra das áreas. 

Óscar Sabucedo non esperou máis. Deu entrada a Carballo por Sergi, sacou a Pablo Forri do campo e adiantou a posición de Breixo. O partido re quería doutras artes. O movemento activou a Lamas e equilibrou os choques no medio campo, onde se discutía todo e alí morría. 

Á hora de partido, o técnico sentou tamén a Pedro, que bateu seguido contra o muro sen resultado ningún. Sabucedo buscou un perfil diferente. Toque e paciencia. Despois sentou a Peque e mandou a Tazos ao lateral dereito. Malia que neses minutos a mellor ocasión foi visitante -un remate de cabeza a queimarroupa que Suso sacou como puido- os locais deron en ganar metros no campo de minas visitante. 

O técnico sacou a Pablo Forri do campo e adiantou a posición de Breixo. O partido re quería doutras artes. O movemento activou a Lamas e equilibrou os choques no medio campo, onde se discutía todo e alí morría. 

A dez minutos do final, o Vilariño xa se defendía sobre o límite da área e concedía xogadas a balón parado. Pero o gol non chegou así. Foi Joni que mirou a Carrasco, e Carrasco que viu un oco. Un toque e o extremo quedou man a man co porteiro. Tivo tempo para se perfilar, como hai unha semana en Celanova, e colocou o balón na rede.

O Vilariño pasou ao plan de emerxencia. Empurrou os últimos dez minutos (cinco de desconto) co mesmo ímpeto co que se defendeu os 85 primeiros. Até dispuxo dunha ocasión para empatar. Pero, desta volta, a fortuna favoreceu ao máis audaz, o Antela de Óscar Sabucedo. En certo modo, a actitude duns e doutros é lóxica. O Vilariño disputa esta fase como un premio a unha gran temporada. Para o Antela, a obriga é pelexar até o final por un ascenso que hai unhas semanas parecía fóra do seu alcance. 

A próxima semana na Peroxa, outro muro. Quedan sete por asaltar. 

FICHA TÉCNICA

ANTELA: Suso, Peque (Juan 78'), Breixo, Quintairos, Borja Tazos, Pablo (Pisto 55') (Alvar 86'), Xabi Lamas, Pedro, Sergi (Carballo 55'), Borja e Joni. 

ATLÉTICO VILARIÑO: Rodrigo, Daniel (Ramos 79'), Gil (Gonzalo 56'), Álex, Ismael, David, Adrián, Pedro Sampayo, Martín (Jorge García 70'), Pablo Romero e Borja López (Iván 65').

GOL: 1-0, Joni (83').

ÁRBITRO: Pereiro Cabido. Amarelas a Breixo (20') e Quintairos (48'), por parte local; e Ismael (26') e Martin (51') polos visitantes. Auxiliado por Álvarez Sarria e Cabano Docasar.

ESTADIO: A Moreira (Xinzo). Uns 250 espectadores.

FÚTBOL A LIMIA | Joni derruba un muro