jueves. 21.11.2024

O Antela empatou este sábado en Bentraces diante do filial (0-0) nun partido correspondente á 14ª xornada na Liga de Primeira Galicia (Grupo 4º, subgrupo B). Aprazado o partido entre o C.D. Allariz e o Celanova, os dous de cabeza, e despois dos resultados este domingo do Santa Teresita (gañou ao colista) e do Monterrei (perdeu na casa), rivais directos nesta altura de competición polas prazas de promoción, o Antela segue a depender de si mesmo.

Óscar Sabucedo, adestrador do Antela, pensa que este é o aspecto máis positivo da situación. "O importante é que ainda dependemos de nós, está claro que non vai a ser doado, e que até o final non se vai a decidir nada", di nunha comunicación telefónica co Diario do Limia este domingo. 

O técnico, que leva tres partidos á fronte do equipo, considera que "a valoración destas tres xornadas [1 vitoria e 2 empates] é positiva porque non perdemos". Mais recoñece que "en canto ao esperado, non estou de todo satisfeito porque pensaba que teriamos algún punto máis e porque non estamos aínda ao nivel que eu pretendo". Di Sabucedo que o equipo "ten que ser moito máis agresivo co balón e sen el", e confía en que "se poida ver algo máis parecido ao que desexo que sexa este equipo no próximo partido na Moreira".

Derrota na casa do Monterrei este domingo e vitoria do Santa Teresita diante do colista. Ambos superan aos de Sabucedo na clasficación, pero disputaron máis partidos.

O Santa Teresita será o próximo rival na Moreira, se a covid o permite. Será un partido clave para o Antela, que suma 16 puntos, diante dos 18 do Santa Teresita e 17 do Monterrei. Aínda que o Antela ten un partido pendente contra o Covadonga. "Pase o que pase seguiremos loitando até o final porque a posición que academos tamén é importante de cara á seguinte fase da competición", advirte Óscar Sabucedo.

FÚTBOL A LIMIA | "Aínda non estamos ao nivel que eu pretendo"