jueves. 21.11.2024

O Antela recibe ao Barbadás mañá (21:00 horas) na Moreira en partido correspondente á eliminatoria de oitavos de final da Copa Deputación. Os locais, campións de Primeira, enfróntanse a un dos mellores equipos desta tempada en Preferente, categoría na que ambos se volverán a medir a partir de agosto. Óscar Sabucedo, adestrador limiao e xa renovado para a próxima tempada, dispón de todos os titulares, recuperado Suso, que non volveu xogar desde o partido do ascenso hai tres semanas, e con Xabi Lamas e Pedro en mellores condicións despois destes días de descanso.


Onte, luns, na Moreira, houbo adestramento de todo o equipo (só faltou Samuel) e os exercicios habituais de ataque e remate. Sabucedo foi esixente intentando que os xogadores volvan recuperar o ton competitivo para medirse a un Barbadás que a pasada fin de semana disputou un partido a cara ou cruz co Sarriana por unha praza na próxima Copa do Rey. Os de Agustín Ruíz saíron vencedores e chegan a Xinzo co cartel de favorito para a Copa despois da renuncia da U.D. Ourense.


Ademais da intensidade, que permitiu ao Antela gañar os seus últimos cinco enfrontamentos entre Liga e Copa, a Sabucedo preocúpanlle conceptos defensivos, recursos dos que o Antela terá que tirar diante dun rival que dominará o xogo. "O Barbadás é un equipo de superior categoría e hanos esixir moitisimo, pero non imos con medo, competiremos ao noso máximo nivel se é posíbel", manifestou o técnico local ao Diario do Limia tras a sesión de onte.


O día (mércores) e a hora (nove da noite) fan que a directiva espere unha asistencia de afeccionados máis frouxa. O vencedor xa coñece o seguinte rival: o Nogueira de Ramuín, que vén de descender a Primeira. O sorteo de cuartos de final, celebrado onte, determinou ademais os seguintes enfrontamentos: Pabellón-Maside, Allariz-Sp. Carballiño, e Ribadavia-Viana. Nos partidos de oitavos disputados durante a fin de semana, o primeiro equipo das Escolas Deportivas de Xinzo caeu fronte ao Sporting Carballiño (1-2). Non houbo sorpresas nesa rolda máis alá da renuncia da U.D. Ourense que permitiu a clasificación do Ribadavia.


No Antela hai certa ilusión polo torneo copeiro. Tamén, ganas de ver a xogadores como Rivero, que hai dous anos que deu o salto desde A Moreira aos Carrís. Polo momento, o Antela non confirma contactos con xogadores aínda en competición, pero o número 11 do Barbadás está na axenda branquinegra. En canto as posíbeis saídas, o que máis preocupa no club limiao son as ofertas que poidan recibir xogadores como Quintairos ou Xabi Lamas de equipos de categoría superior, isto é, Terceira.


É a nova vida do Antela, as esixencias e riscos dunha nova categoría. "Coñecémolos", di o presidente, Pablo Losada. "A directiva ten esa experiencia, e dá seguridade", sinala Sabucedo, o adestrador. Mañá toca fútbol doutra altura. O xoves, a directiva ten outra cita importante nunha reunión co goberno local que en boa medida vai determinar a posición de partida do Antela en Preferente. Empeza unha nova época. 

FÚTBOL A LIMIA | Antela-Barbadás, empeza unha nova época