FÚTBOL A LIMIA | O Antela cre en si mesmo
FASE DE ASCENSO A PREFERENTE
Ninguén cre máis no Antela que os propios xogadores. E esa, a estas alturas de competición, cunha cita a todo ou nada cada domingo, é a mellor arma do equipo de Óscar Sabucedo (quen esta tarde viu o partido desde a banda oposta ao banco pola súa expulsión no Carballiño). Esa, e saberse superior tecnicamente a equipos que basean todo o seu fútbol no aspecto físico.
O Vilariño foi unha dor de moas no arranque desta fase na Moreira. E no seu campo, O Medo, ía ser peor. Cada envío largo do meta e da defensa local acababa sendo unha ameaza para Suso. O Vilariño é un equipo feito para xogar neste campo curto. Disputa cada centímetro cunha intensidade asfixiante.
E cando ten a pelota non se entretén para crear espazos, o seu é un continuo bombardeo sobre a área rival. Aos vinte minutos de partido xa tiña ao Antela onde quería. Metido atrás e sufrindo en cada balón aéreo. Insistindo sobre Peque, que resolveu o traballo con gran despregue e a axuda de Xabi Lamas e Breixo.
O tanto local puido chegar a balón parado e nunha incursión pola banda Tazos, sobresaínte no ataque pero moi impreciso no labor defensivo.
En canto conseguiu baixar a pelota ao céspede, o Antela empezou a respirar, a sentirse cómodo e a crear ocasións claras. Joni errou na primeira, un disparo de Xabi Lamas que tocou nun defensa estivo a piques de se colar até a rede, e despois dunha serie de saques de esquina, Tazos cazou un rexeite na área e sacou o canón.
O gol desanimou aos locais. E Joni tivo o segundo nunha acción na que despois de regatear ao meta non acertou co momento de disparar e terminou por disparar mal. Antes do descanso, Pablo Forri intentou sorprender cun globo.
Aos de Sabucedo cústalles un mundo definir. Mais, con todo, suman 11 goles, os mesmos que o líder.
Na segunda parte, o Vilariño volveu saír empurrando e ameazando. Aos cinco minutos o árbitro pitou unha falta moi rigorosa a Peque moi próxima a área, a barreira foi de mínimos, e o disparo de Sampayo acabou en gol despois de tocar nun defensa.
O partido volveu virar cara aos locais, moi cómodos cun intercambio de balóns frontais. Até que Pedro e Pablo Forri debuxaron unha xogada que terminou co pelota na área pequena para un remate de Joni. Rodrigo, o meta local, volveu evitar o gol.
Seguiron minutos de turra e afrouxa, con Pedro e Xabi Lamas intentando abrir o campo. Con Joni e Sergi percutindo. Con Borja rompendo ás costas contra o muro dos centrais. E o Vilariño ao seu, cargando sobre o flanco dereito. Até que a Peque se lle escapou o seu par e o árbitro estivo rápido en sinalar penalti. Sampayo volveu marcar.
Quedaba menos dun cuarto de hora de partido e o Antela estaba perdendo sen saber moi como contra un equipo martelo, dos que teñen unha soa marcha e xógano todo nas áreas. Outra frustración.
Adeus a última porta para o ascenso.
Mais o Antela cre en si mesmo, e rebelouse contra a súa sorte. Sabucedo respondeu metendo máis xente arriba. De súpeto, a área abriuse para os visitantes. Xabi Lamas recibiu un centro desde a dereita e, so diante de Rodrigo, colocou o balón no segundo pau.
Un minuto despois, o outro Lamas, David, esperaba naquel mesmo pau. O centro de Borja pasou entre os defensas e caeulle ao novato. Pareceu dubidar, pero acertou a dirixir o balón.
Foi cuestión de milésimas. Todos os erros do Antela nos finais de partido pasaron diante dos ollos dos xogadores: o erro de Samuel na Peroxa; a inocencia de Carballo na Uceira... O balón pegou no pau.
Mais desta volta foi para dentro.
Pau e gol. O Antela remontou amarrado a dous xuvenís, amarrado a unha fe inquebrantábel, amarrado a un soño para o que quedan poucos boletos, pero quedan...
FICHA TÉCNICA
AT. VILARIÑO: Rodrigo, Joshua (Adrián, 47'), Lamelas, Gil (Grande, 47'), Alejandro (Souto, 47'), Carballo (Ramos, 81'), Ismael, Sergio, David, Sampayo e Guede.
ANTELA: Suso, Peque (David Lamas, 80'), Breixo, Juan (Pisto, 55), Borja Tazos, Pablo Forri, Xabi Lamas, Pedro, Sergi, Borja e Joni.
GOLES: 0-1, Borja Tazos (31')). 1-1, Sampayo (51’). 2-1, Sampayo (79', penalti). 2-2, Xabi Lamas (89'). 2-3, David Lamas (90')
ÁRBITRO: Juan Francisco Domínguez. Auxiliado por Gómez Míguez e Márquez Pérez. Sancionou con tarxetas amarelas a Joshua (46'), Romero (81') e Souto (90'), polos locais; e, polos visitantes, a Pablo Forri (10’), Borja (71') e Breixo (90').
ESTADIO: O Medo, Pereiro de Aguiar. Uns 200 espectadores.
OUTROS RESULTADOS
Maside, 2; Celanova, 1.
A Peroxa, 3; Barbadás B, 0.
Sp. Carballiño, 1; Allariz, 2.
CLASIFICACIÓN
1.º A Peroxa, 15 puntos.
2.º Allariz, 15.
3.º Antela, 12.
4.º Celanova, 11.
5.º Maside, 7.
6.º Barbadás B, 7.
7.º Vilariño, 7.
8.º Carballiño, 4.