David Lamas, Anxo e Adrián volveron xogar co primeiro equipo

FÚTBOL A LIMIA | Carlos dá a vitoria ao Antela en Luintra (0-1)

Xogadores no banco do Antela en Nogueira de Ramuín esta tarde. | FOTO Antela F.C.

Un gol de Carlos na primeira metade serviu ao Antela para sumar en Luintra, diante do Nogueira de Ramuín, a súa terceira vitoria nos amigábeis de preparación. Suso e Sergi, ambos na segunda metade, volveron xogar despois da súa ausencia no anterior partido, e tamén participaron David Lamas, Anxo e Adrián (finalmente foron tres os xogadores que reclamou Óscar Sabucedo entre os que veñen xogando no filial).


Con moitas baixas, o Antela aliñou un equipo titular formado por Dalama; Romero, Juáncar, Teixeira, Tazos; Xabi Lamas, Fabio, Peral; Carlos, Tumbeiro e Joni. Na segunda parte saíron Peque, Carrasco, Xosé, ademais de Suso e Sergi, e os tres futbolistas que disputaron os últimos partidos co Antela Xinzo: David Lamas, Anxo e Adrián.


O Antela descansará esta fin de semana, e a semana próxima adestrará xa pensando no debut na Liga, mais cun amistoso programado (diante do Maside) para o xoves día 8. Despois dun mes de preparación, o equipo de Óscar Sabucedo disputará tres partidos de Liga en setembro: contra o Pontevedra B na Moreira (día 11), contra o Ribadumia, como visitante (día 18); e contra o Cultural Areas na Moreira (día 25). 


Todos os partidos da primeira xornada de competición están fixados para as 17:00 horas do domingo día 11, salvo o Umia-Cultural Areas, que se celebrará no campo da Bouza (Barrantes) a partir das 12:00 horas. A Liga comezará cun derbi entre equipos ourensáns entre o Verín e Arnoia no José Argiz. O Barbadás debutará cunha visita ao Lourambal para medirse co Porriño Industrial. A xornada complétase cos partidos: Juvenil Ponteareas-Cambados; Vilalonga-Pontellas; Valadares-Moraña; Atios-Portonovo; Beluso-Racing Castrelos; e Céltiga-Ribadumia.

O sistema de competición, unha liga a dobre volta con 38 partidos a disputar entre o 11 de setembro e o 28 de maio de 2023, determinará os dous equipos que ascenderán a Terceira. Os catro últimos clasificados descenderán, e haberá posibilidade de máis descensos por arrastres de equipos de Ourense ou Pontevedra que poidan descender de Terceira. Juvenil Ponteareas e Atlético Arnoia son os dous conxuntos que descenderon desde Terceira. Os que ascenderon desde os grupos de Primeira galega, ademais do Antela, foron o Racing Castrelos e o Moraña.