O Antela busca a súa cuarta Liga e o ascenso mañá (18:00, na Moreira) diante do Sporting Carballiño

FÚTBOL A LIMIA | Concentración e humildade, pide Óscar Sabucedo antes do gran día

O Antela celebra un gol diante do Cartelle na Moreira a principios de marzo. | FOTO: Noelia Caseiro.

FASE DE ASCENSO A PREFERENTE

Rompe o verán, o céspede da Moreira está espléndido, o estadio, luminoso, despois dos duros domingos de inverno. Fará calor de fútbol e a grada estará axitada desde moito antes de comezar o partido. O Antela buscará mañá (18:00 horas, na Moreira) a súa cuarta Liga e o ascenso a Preferente, a única praza de ascenso, unha quimera hai apenas catro meses cando chegou Óscar Sabucedo, que non quere heroes; quere equipo, concentración e humildade.


Os equipos escriben a súa historia neses momentos nos que conectan co seu tempo, ou co carácter ou a idiosincrasia da súa xente. O Antela leva uns anos procurando ese camiño. Xente da casa, que se di no fútbol. Cuns valores que se forxaron hai moito. Traballo e humildade, di Óscar Sabucedo na charla do último adestramento previo á gran cita de mañá. 


E o adestrador, alto, magro e rexo, que non é limiao pero conecta co sentir do club, do Antela de hoxe, coa actitude que esixen os tempos, nesa Moreira espléndida como nos setenta e nos oitenta, contan os veteranos, ese campo que nos marca, ese campo que é como A Limia, un prado inmenso, nese prado, o técnico, pai estrito pero cómplice, pídelle á tropa de rapaces que sexan como hai que ser nestes tempos en cada preciso momento.


“Concentración, humildade, non necesitamos heroes, que cada un faga o que está mandado, nin menos nin máis, os heroes somos todos, é o equipo”, di Óscar.


Pedro e Xabi Lamas parecen recuperados das molestias que sufriron en Maside (ambos acabaron sendo substituídos) e serán titulares. Tamén regresan ao equipo Sergi, lesionado a semana pasada, e Borja Tazos, que estivo suspendido. O Antela recupera o seu tren dianteiro con Xabi, Pedro, Borja, Joni e Sergi. No centro do campo, Pablo Forri ou Pancho completarán o once. A defensa volverá a ser a composta por Peque, Breixo, Quintairos e Borja Tazos, con Suso na meta. Juan Forri está lesionado e causará baixa. No banco estará Pisto, no seu último partido de Liga.


Tres equipos estarán pendentes do que pase na Moreira. A Peroxa, Allariz e Celanova aínda manteñen opcións, mais necesitan que o Antela empate ou perda. As combinacións complícanse porque Celanova e A Peroxa enfróntanse no campo dos primeiros. 


O Antela ten a vantaxe de que non atenderá máis partido que o seu. O Sporting Carballiño, o máximo representante dese grupo de equipos oso, é un cadro veterano, que pon minas en todo o campo, que está cómodo nun lameiro e que na primeira volta afogou ao Antela nese lameiro de faltas, provocacións, perdas de tempo, berros ao árbitro... aquela táctica deulles para marcar 3 goles (2 de penalti) e empatar no último minuto. Hoxe son últimos da clasificación e, a honra a parte, non se xogan nada máis que a posibilidade de recibir un agasallo de terceiros.


O Antela gañou tres campionatos de Liga de Primeira provincial no 84, no 2002 e no 2007. Ascendeu a última vez hai catro anos, no 2018, nunha competición que dominou o Velle. Agora, o campión leva todo o premio (só hai unha praza de ascenso). Onte a directiva e os xogadores compartiron uns petiscos ao remate do adestramento. “Chegamos ben. Todo está ben, temos confianza, temos fútbol, temos afección. Confío en poder celebrar unha festa grande o domingo, descansar o luns e volver aquí o martes para seguir adiante na Copa”, di o presidente, Pablo Losada, que foi futbolista do Antela até 1999. Pablo coida da Moreira tres días á semana. A Moreira campa. O Antela está listo para volver a Preferente.