FÚTBOL A LIMIA | “Somos un equipo solvente e un club solvente”
Minutos antes do partido do pasado domingo no campo do Vilariño, Pablo Losada pregunta polo maletín de primeiros auxilios. Conversa con Óscar Sabucedo, o adestrador, a pé de campo. Despois sube á grada e consume os nervios entre chanza e chanza dos afeccionados locais.
O martes atende ao Diario do Limia na praza de Xinzo e vence o pudor para gravar un breve clip no que el lanza o berro, Forza Antela!
O Antela xógase este domingo (18:00 horas na Moreira, diante do A Peroxa) moitas das súas opcións de agarrar esa praza de ascenso a Preferente, un salto mortal para os clubs modestos. Pero o Antela, 102 anos de historia, 103 para xuño, non sofre a vertixe.
“Somos un equipo solvente”, responde rápido á pregunta de como ve ao Antela nesta fase final de tempada. “Os adestradores e os xogadores están moi enchufados, teñen capacidade de abondo para conseguir o ascenso, mais desafortunadamente xa non dependemos de nós. Pero han facer o seu traballo. Xa sei que é unha frase feita, pero só podemos ir partido a partido”.
“Somos un club solvente”, di Pablo Losada mirando un pouco máis alá, á tempada que vén, toque Primeira toque Preferente. O club conta con 500 socios, aspira a seguir aumentando a masa social, e dispón dun cadro de patrocinadores fiel. Coas institucións tamén hai boa sintonía. “O Antela, como club, tamén está sólido, robusto”, asegura o presidente.
“Cando chegamos, hai un par de anos, decidimos que a base do primeiro equipo ten que ser limiá. Este ano houbo xogadores do xuvenil que deron o salto. E iso tamén dá seguridade”, explica Losada, que tratará, di, de mellorar a colaboración coas Escolas Deportivas, onde está agora mesmo o futuro da canteira, alén dos limiaos que proban sorte en clubs de Ourense.
No cadro de xogadores a prioridade é manter a política de canteira. “Hai unha serie de xogadores que rematan na categoría xuvenil e xa temos falado con eles para que fagan a preparación co Antela e poidan convencer ao adestrador de que poden xogar no Antela”.
A respecto do cadro técnico, o presidente do Antela confesa que tanto a súa directiva como el mesmo están satisfeitos co traballo desenvolvido polo técnico, Óscar Sabucedo. “O resultado está á vista. Terémonos que sentar e falar, por suposto. Mais a día de hoxe, si: Óscar é a nosa primeira opción”. E precisa: “como seguidor, gústame como está xogando o equipo, ese é o fútbol que a xente quere ver na Moreira”.
O domingo (18:00 horas) visita A Moreira o único equipo que foi capaz de dobrar ao Antela nesta fase final. Quintairos, o central, volveu adestrar onte. Sabucedo volve contar con todos os titulares, e a maiores van aparecendo relevos. O Antela séntese no seu mellor momento da tempada. Mais a súa sorte dependerá tamén da sorte do Allariz.