jueves. 21.11.2024

“Metéronnos catro goles, si; mais analizándoos son practicamente agasallos ao rival”, explica Óscar Sabucedo, adestrador do Antela, este martes, minutos antes de comezar a primeira sesión preparatoria da semana. O Antela caeu 4-1 en Ribadumia o domingo despois de encaixar no primeiro minuto. “Nin o vin, estaba poñendo o cronómetro, sacamos nós e aos 20 segundos xa estabamos 1-0. Non é normal”, laiase o técnico.


“Na segunda parte tivemos bos minutos ao principio, fomos quen de dominar, sen crear demasiadas ocasións, pero puxémonos 2-1. Despois houbo un barullo na nosa área e veu o terceiro gol deles... O cuarto foi nunha falta lateral”. Sabucedo recoñece que o equipo acusou nervios do gol en contra no inicio do partido. “Non sei se será por iso, que é o mesmo que nos pasou contra o Pontevedra B, pero levamos dous partidos nos que non recoñezo o equipo”.


Sabucedo traballará esta semana para “cambiar a mentalidade”, incidindo “no aspecto defensivo”. Asegura que o principal é “arranxar esa cuestión” e di que a preocupación do corpo técnico non vai máis alá neste momento de recuperar o mellor nivel do Antela. “Confío plenamente nos xogadores. Sei o que poden dar. Temos que recuperar a nosa identidade”, conclúe o adestrador.


Aínda pendente do pase internacional de Miguel Peral, o Antela decidiu mudar o horario do partido do próximo domingo, día 25, contra o Cultural Areas. Xogarase na Moreira ás 12:00 horas, coincidindo coa mañá grande da Romaría da Saínza.


O capitán, Joni, que segue sendo un dos fixos de Sabucedo, pide paciencia. “Estamos empezando, as cousas non saen, pero creo que temos mellor equipo que a vez anterior en Preferente”, explica, e apunta que nos dous primeiros partidos “notouse moito o cambio a respecto da tempada pasada e saímos moi relaxados ao campo, temos que cambiar iso”.


Breixo, o central que debutou nesta Liga en Ribadumia saíndo tras o descanso, comenta que está collendo o ritmo e que pronto se sentirá en condicións de disputar os 90 minutos. “É certo que estamos notando a diferencia entre as categorías. Os xogadores de arriba son máis rápidos. Empezar perdendo no minuto un... pois entre os nervios e as gañas de remontar, todo se fai máis costa arriba. Coincidiu, pero penso que é enganoso. Houbo momentos nos dous partidos nos que tivemos o balón, non é que o Pontevedra B ou o Ribadumia foran moi superiores”.


O SARREAUS
Na Segunda galega, o partido Vilardevós-Sarreaus foi suspendido porque o club local non presentou a tempo as fichas de varios xogadores, segundo informa a directiva do club limiao, debutante esta tempada na competición, e que indica que os tres puntos foron adxudicados ao Sarreaus. Na web da Federación Galega, o partido continúa aparecendo como suspendido e na clasificación o Sarreaus segue sen punto ningún.  

FÚTBOL A LIMIA | “Confío plenamente nos xogadores”, di Óscar Sabucedo