A derrota en Allariz (2-0, diante do C.D. Allariz) este domingo aumenta a presión sobre o Antela de cara a un último tramo de competición no que os de Óscar Sabucedo teñen na súa man conseguir praza na fase polo ascenso. Dependen de si mesmos, mais a marxe de erro é moi estreita.
O Antela recibe este venres (21:00 horas) na Moreira ao Covadonga, nun partido que foi aprazado en xaneiro por culpa da covid que afectou varios xogadores limiaos. O Covadonga non gañou ningún dos 14 partidos de Liga. Na primeira volta, o Antela venceu 1-4 a domicilio.
O seguinte rival será o Cartelle, que debe disputar tamén o seu partido aprazado diante do Barbadás B. Cartelle (17 puntos) e Barbadás (18) son rivais directos dos limiaos na pelexa pola promoción. Na primeira volta, o Antela perdeu en Cartelle pola mínima.
Nestas dúas citas na Moreira, o Antela, que se mantén cuarto con 18 puntos, pode despexar o camiño cara a fase de ascenso. Mais na pelexa están tamén o Santa Teresita (21 puntos) e o Monterrei (17). A respecto dos seus rivais directos, os de Óscar Sabucedo contan coa vantaxe de ter un partido menos, salvo co Cartelle.
Así, a penúltima xornada, cos choques Antela-Cartelle e Monterrei-Santa Teresita, e na que descansa o Barbadás B, aparece como a decisiva. Antes, este venres, sen Pablo Forri (por sanción) e co posíbel regreso de Varela, os de Óscar Sabucedo deben negociar o trámite diante do Covadonga.
A última xornada, o Antela visita o campo do Celanova, que naquela altura xa podería ter confirmado o liderado. Isto acontece no grupo B da Primeira Galega en Ourense. No grupo A, as posicións parecen máis definidas e A Peroxa, o Vilariño e o Sporting Carballiño marchan destacados. Parece que só resta unha praza por adxudicar.
O PIÑEIRA SECA SEGUE NA LOITA
Na Segunda Galega, no grupo 3 de Ourense, a xornada rexistrou dúas vitorias dos equipos limiaos. As Escolas impuxéronse ao Bubal (3-2) e continúan na sexta praza con 23 puntos. O Piñeira Seca gañou pola mínima en Viardevós e segue cuarto. Ten 35 puntos; a dous do Viana e a un do Rúa, que ocupan prazas de promoción. A próxima xornada, as Escolas viaxan á Rúa e o Piñeira Seca recibe ao Paderne.