jueves. 21.11.2024

Catro xogadores do primeiro equipo do Antela F.C. deron positivo no test de antíxenos á covid-19. As normas federativas obrigan á suspensión do partido de Liga que debía enfrontar este domingo na Moreira aos locais coa A.D. Covadonga, correspondente á décima xornada da Primeira de Galicia. Tamén deron positivo o presidente Pablo Losada e o director deportivo Daniel Xardón


Os positivos empezaron a rexistrarse o pasado luns, día 3, o que motivou a suspensión do partido de Copa Deputación do Antela en Paderne de Allariz este xoves. “Todos os casos veñen das xuntanzas familiares nas festas”, comenta Daniel Xardón ao Diario do Limia. O equipo xuvenil tamén se viu afectado. Ten 7 xogadores en positivo. E tamén verá suspendido o seu partido de Liga contra o Polígono.


Nos 13 casos rexistrados no club, todos presentan síntomas leves e permanecen nos seus domicilios, segundo informa a directiva. 


A covid-19 está ocasionando numerosas suspensións nas distintas competicións. Na Copa, de 32 partidos previstos, apenas puideron celebrarse 12. Na competición de Liga, no grupo do Antela xa se suspenderon outros dous partidos desta xornada: o Raio Alaricano-Sporting Celanova e o Barbadás B-C.D. Allariz. Só se disputará un.


No termo municipal de Xinzo de Limia hai rexistrados hoxe 271 casos positivos de covid-19 segundo informan fontes sanitarias. 

FÚTBOL A LIMIA | Suspenden pola covid-19 os partidos do Antela e do xuvenil desta fin...