Xinzo de Limia vive unha nova e ilusionante iniciativa que pon en valor o deporte base local. Os clubs E.D.C. Xinzo de Limia, A.B. Xinzo, Club Kárate Xinzo e A.D. Limiactiva únense para lanzar unha colección de cromos protagonizada polos propios deportistas da vila.
A colección busca ser un recordo único para as familias e, ao mesmo tempo, unha gran oportunidade para promover o deporte base entre a veciñanza. A colección está composta por dous álbums que inclúen os seguintes clubs e disciplinas:
- Clubes Limiactiva, Baloncesto Xinzo e Club Kárate Xinzo
- Escolas Deportivas Concello de Xinzo (ximnasia, fútbol sala e fútbol)
Os sobres de cromos estarán dispoñibles en varios puntos de distribución locais, permitindo que todos os veciños poidan formar parte desta bonita iniciativa. Para obter máis detalles e estar ao tanto das novidades, os interesados deben seguir as redes sociais dos clubs participantes.
Esta iniciativa reflicte o compromiso dos clubs e do Concello de Xinzo de Limia co deporte federado de base, recoñecendo o esforzo e a dedicación dos mozos e mozas deportistas, e destacando a importancia dunha vida activa e saudable.