“Eu ía un pouco a xogar, e a verdade é que o pasamos ben. Algún dos meus compañeiros tivo nervios; eu non”, explica Miriam Opazo, unha das organizadoras das Olimpiadas Rurais que se celebran este sábado en Xinzo de Limia, nunha xornada deportiva que comezará de mañá e rematará nunha foliada xa noite. Miriam Opazo acaba de regresar de Ordes, onde se realiza en directo o programa da TVG “Quen anda aí?” un magacine que se fixou na noticia da recuperación das Olimpiadas Rurais (avanzada polo Diario do Limia).
Miriam e catro compañeiros máis da organización, xente vinculada ao deporte e ao asociacionismo na Limia, como Dani Xardón ou Camilo Vila, mostraron este xoves algún dos xogos que se xogarán o sábado. O que chamou a atención dos produtores do programa foi o lanzamento de pataca. Ao principio, os organizadores pensaron nun lanzamento vertical (cara arriba), mais caeron na conta das dificultades, tanto de recuperar a peza enteira como da precisión das medicións.
Así que o comité técnico ligou a idea cun xogo que, aseguran, se dá durante a colleita: intercambiar unha pataca entre dous canistrelos (cestos pequenos). As regras do lanzamento quedaron fixadas así: unha parella intercambiará unha pataca lanzándoa e recolléndoa cada un co seu caniestrelo, retrocedendo entre cada lanzamento a distancia dunha vara mentres a pataca non caia ao chan. Cando caia, mediranse as varas retrocedidas e ese será o resultado.
“Aínda non sabemos en que parte do programa incluiremos o lanzamento de pataca”, confesa Miriam. As probas de lanzamentos de sacho e de penedo, que xa se disputaron na anterior edición, están previstas para o mediodía, como os birlos celtas, outro dos xogos que levaron á TVG esta tarde de xoves. Os birlos, os lanzamentos, as carreiras (de sacos, á carreta, ás cabaliñas), a loita celta e o turra-sedeño ou turra-soga son parte dun programa que inclúe xogos máis difundidos como a billarda e o brilé.
Os birlos, os lanzamentos, as carreiras (de sacos, á carreta, ás cabaliñas), a loita celta e o turra-sedeño ou turra-soga son parte dun programa que inclúe xogos máis difundidos como a billarda e o brilé.
As inscrición seguen abertas no CIX da Limia e no Instagram do Colectivo Ras (@ras_xinzo) que agrupa aos organizadores. Despois do programa na TVG recibiron unha nova solicitude de inscrición dun equipo de Rairiz de Veiga. “Xa temos nove equipos, cunha media de dez xogadoras e xogadores por equipo; así que chegaremos aos cen participantes, que é a cifra que nos propuxemos”, di Miriam, quen recoñece que “non somos todos xente do deporte, pero si nos xuntamos coa idea de facer comunidade, de axudar a dinamizar o rural, e por iso estas son unhas Olimpiadas da Limia, e hai equipos de diferentes concellos”.
Polo momento, o reclamo do lanzamento de pataca resultou. A TVG fixouse nas Olimpiadas. “Estamos recibindo moitas mensaxes. Todo axuda. E se a xente non se anima a facer un equipo, polo menos que se anime a asistir ao evento”, pide Miriam. Os organizadores instalarán mañá no Toural sinalización e distintos elementos para o desenvolvemento dos xogas e o sábado, ás 10:00 horas, comezará a festa coa recepción dos equipos participantes.