jueves. 21.11.2024

A Xunta vén de outorgar a Bandeira Verde de Galicia a 24 concellos das catro provincias, en recoñecemento ao seu compromiso co medio ambiente e ás boas prácticas na preservación da paisaxe e a contorna.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañada polo alcalde da Laracha, José Manuel López, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na entrega destes distintivos en Caión.

Vázquez destacou que este distintivo, impulsado polo Goberno galego en 2020, busca poñer en valor o traballo de moitos concellos e animar a seguir nesa liña. Nesta última convocatoria, o Instituto de Estudos do Territorio (IET) recibiu 34 solicitudes, das cales foron seleccionados 24 concellos, un 33% máis que na edición anterior, marcando a cifra máis alta ata o momento.

Cerimonia de entrega de Bandeiras Verdes de Galicia 2024.

Entre os premiados, 11 concellos reciben a Bandeira Verde por primeira vez, incluíndo Ares, Begonte, Boiro, Cospeito, Larouco, Lugo (a primeira cidade galega en obter o distintivo), Muíños, Ribadeo, San Sadurniño, Silleda e Vilariño de Conso. Ademais, Porto do Son destacou por revalidar a súa bandeira por quinto ano consecutivo, sendo o único concello en recibir o galardón en todas as convocatorias realizadas ata agora.

Outros concellos como Cervo, Curtis, A Illa de Arousa, Muros, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porqueira, Ribeira, Sanxenxo, Sober e A Laracha tamén foron recoñecidos por manter o seu compromiso en edicións anteriores.

A conselleira felicitou aos concellos premiados e subliñou a importancia da Bandeira Verde de Galicia como símbolo de territorios "responsables e comprometidos" co ordenamento territorial, a protección do medio ambiente e a paisaxe, a loita contra o cambio climático, a mellora da eficiencia enerxética, a xestión responsable dos residuos e a sensibilización cidadá.

Susana Vázquez xunto a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

Tamén recordou que este recoñecemento inflúe positivamente á hora de optar a subvencións da Xunta en materia de patrimonio natural e xestión de residuos.

Para rematar, Ángeles Vázquez anunciou que o Goberno galego manterá o seu compromiso co fermosismo e a protección da paisaxe nos orzamentos de 2025. O IET destinará 2 millóns de euros a unha nova convocatoria de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos en edificios públicos e privados, iniciativa que desde 2021 xa financiou 2.374 proxectos cun importe próximo aos 9,6 millóns de euros.

NOTICIAS A LIMIA | Porqueira repite como municipio con Bandeira Verde de Galicia