jueves. 21.11.2024

O pasado dous de marzo, o Partido Popular de Ourense daba a coñecer aos seus candidatos nos 92 concellos da provincia para as eleccións municipais do 28 de maio. Entre eles non figuraba Josefa Asunción Morgade Rúa, actual alcaldesa de Rairiz de Veiga polo PP, quen non se presentará ós comicios en representación dos populares. "Era algo que xa esperabamos", asegura a rexedora.

Pese a esta decisión, Morgade segue a traballar por Rairiz e apunta cara unha lista alternativa o 28 de maio, que competirá contra o partido que actualmente representa e, algunhas fontes, sitúana como cabeza de lista como independente do PSdeG PSOE. "Eu presentareime igual ás eleccións, posiblemente nunha lista independente. Esa é a idea que temos e na que estamos traballando", confirma. Morgade di que "os concelleiros e a xente están comigo", por iso se atopa motivada para ser novamente candidata á alcaldía.

 

Morgade empezou a súa etapa como alcaldesa no 2015, por aquel entón como independente, e no 2019 revalidou o cargo con maioría absoluta co PP. O seu substituto é o concelleiro Camilo Fernández Freire, quen encabeza a lista dos populares para as eleccións do 28M.

Este cambio decidido pola Executiva local non o recibiu "nada ben" e pese a el, seguirá traballando pola veciñanza. "Queremos o mellor para os veciños de Rairiz", apunta. Tras oito anos na alcaldía, Morgade agarda que voten e decidan sobre o seu futuro, "xa que agora é cando a eles lles toca decidir entre un candidato ou outro". A alcaldesa ten claro que este será o momento "de que falen os veciños e non os partidos".

NOTICIAS A LIMIA | A alcaldesa de Rairiz competirá contra o PP noutra lista electoral