O BOP -Boletín Oficial Provincial- de Ourense acaba de informar da aprobación das bases destinadas á creación dunha bolsa de emprego para o posto de traballador ou traballadora social no Concello de Rairiz de Veiga. A axuda permanecerá activa durante pouco máis de dous anos, concretamente ata a 31 de decembro de 2023.
A contratación laboral será temporal, e a súa duración adaptarase ás necesidades requeridas no momento. O empregado terá a obrigación traballar a xornada completa. No sistema de elección aplicarase o concurso por méritos.
En caso de querer optar ao posto, o interesado terá cinco días hábiles -contados a partir do día de mañá- para presentar a súa solicitude. Poderá realizar a inscrición no Rexistro Xeral do Concello de Rairiz durante o seu horario de atención ao público, de luns a venres de 9:30 a 13:30.
Para obter máis información sobre as bases completas do programa deberase ollar o taboleiro de anuncios do concello ou ben visitar a sede electrónica do mesmo https://rairizdeveiga.sedelectronica.gal/info.0 .