O Estudo previo de iniciación da zona de Rairiz de Veiga, elaborado polo Servizo de Infraestruturas Agrarias da Xefatura Territorial de Ourense, e rematado en setembro de 2021, tampouco incluíu o informe da Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS). No Estudo previo, os autores indican que o informe non foi recibido, mais a CHMS sinala que, trala solicitude da Xefatura Territorial, enviou un documento con “información xenérica” o 28 de xuño de 2021.
“O Estudo previo de iniciación da zona de Rairiz de Veiga que elabora a Consellería ten data do 21 de setembro de 21, no que non consta a nosa achega”, recoñece a Confederación nunha resposta esta semana ao Diario do Limia, que o pasado 29 de setembro desvelou que o Estudo previo, asinado por técnicos de Medio Rural, sinala como obxectivo da parcelaria “satisfacer a demanda de leiras para o establecemento de novas instalacións gandeiras de tipo intensivo, porcino, aves e coellos”.
O estudo indica: “Existen explotacións gandeiras de tipo intensivo, e vocación na zona para establecemento de novas explotacións. A súa implantación require parcelas de gran tamaño para satisfacer as necesidades de manexo e as normativas urbanísticas e ambientais”. Ao día seguinte da publicación, a Consellería de Medio Rural, que avalou o estudo, sinalou ao Diario do Limia que o documento contén un “erro”. E avanzou que a referencia á gandaría industrial sería "corrixida" durante o procedemento.
“A Consellería comunicounos o inicio do procedemento de reestruturación parcelaria de Rairíz de Veiga, en concreto dos traballos previos de iniciación, con vistas a determinar a súa viabilidade e idoneidade”, din dese o departamento de comunicación da Confederación. “ O 28 de xuño de 2021 a CHMS enviou un informe que se basea, basicamente, na normativa aplicable en materia de augas, información xenérica nesta fase do procedemento”.
Chama a atención que a CHMS limitase a súa resposta a unha “información xenérica” sobre “a normativa aplicable”. Unha fonte experta consultada polo Diario do Limia explica que “o habitual nestes casos é, efectivamente, remitir información básica, porque é unha obriga legal responder; mais o sorprendente é que tratándose dunha zona da Rede Natura, con humidais catalogados e nunha conca sensíbel como a do Limia non se lle prestase un pouco máis de atención ao estudo e ao que dicían, en concreto, ás conclusións e á xustificación da parcelaria”.
Desde a Confederación eluden afondar no estudo: “A CHMS non é a administración competente no procedemento iniciado de reestruturación parcelaria de Rairiz de Veiga, declina o falar dunha cuestión que se atopa o inicio do procedemento”, indican.
"O sorprendente é que tratándose dunha zona da Rede Natura, con humidais catalogados e nunha conca sensíbel como a do Limia non se lle prestase un pouco máis de atención ao estudo e ao que dicían ás conclusións e á xustificación da parcelaria”, di unha fonte experta consultada polo 'Diario do Limia'.
Erros acumulados
Un ano despois de publicado o documento, os erros van aparecendo. O Diario do Limia tamén informou de que os redactores ignoraron que a zona afectada pola parcelaria en Rairiz está na Reserva da Biosfera, de tal modo que non realizaron consulta ningunha a este organismo, como tampouco a fixeron á Dirección Xeral Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, unha das catro direccións xerais da Consellería de Medio Ambiente.
O órgano reitor da Reserva da Biosfera de Allariz (que inclúe aos concellos de Allariz, A Bola, Vilar de Santos e Rairiz de Veiga) reuniuse finalmente este luns pasado luns para avaliar a situación.
Os erros acumúlanse nun documento que estivo en exposición pública en agosto, e que agora a Consellería de Medio Rural di que vai corrixir sen explicar cando nin quen. “Estamos diante dunha concentración parcelaria viable, dadas as explotacións existentes na actualidade na zona. Unha vez iniciada dita concentración, someterase ao procedemento de avaliación ambiental, como en todas as concentracións, e aí xa se inclúen todas as análises necesarias, tal e como se vén facendo”, insiste a Consellería de Medio Rural
Declaración de utilidade pública
O proceso segue adiante, e o pasado xoves o Consello da Xunta aprobou o decreto de Medio Rural polo que se declara de utilidade pública a concentración parcelaría de Rairiz de Veiga. No comunicado emitido pola consellería que dirixe José González, indícase que “a parcelaria de Rairiz de Veiga (no concello homónimo) reorganizará unha superficie total de 701 hectáreas, repartidas en 5.704 parcelas de 1.007 veciños”.
Trátase dun procedemento habitual, os terreos da parcelaria quedan así sometidos a esta declaración, mais poden pasar anos sen que isto teña consecuencia ningunha, mais desde a consellería apunta que, “tal como recolle o artigo 11 da Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria: a reestruturación parcelaria dunha zona, esta será obrigatoria para todas as persoas propietarias e titulares de dereitos e situacións xurídicas sobre terreos comprendidos dentro do perímetro de reestruturación”.