NOTICIAS A LIMIA | Sandiás crea un "banco solidario" para distribuír material ortoprotésico
A concellería de Xustiza Social e os Servizos Sociais do Concello de Sandiás anunciaron hoxe a creación dun banco solidario de material ortoprotésico para a atención a persoas veciñas dependentes. Segundo o comunicado difundido desde o goberno municipal, "o banco nace para facilitar, mediante o formato de préstamo ou doazón, material ortoprotésico a pacientes que presentan limitacións da autonomía persoal limitadas ou graves e tamén limitacións nos recursos económicos".
Entre os materiais que se poderán depositar no banco e que teñen máis demanda están as cadeiras de rodas, os andadores, as muletas, os adaptadores de ducha ou baño, as barras de seguridade para a cama, os colchóns de protección ou as camas articuladas.
O Concello de Sandiás fai un chamamento "a aquelas persoas, tanto particulares como empresas, que queiran participar neste banco de material, ben sexa persoas con aquel material usado que teñan almacenado e que neste momento non necesitan ou calquera empresa ou particular que queira facer unha doazón de maneira altruísta para que outras persoas necesitadas poidan utilizalo".
Os pasos a seguir, informa o Concello, son: poñerse en contacto coa traballadora social no teléfono 988 465 001 e cubrir o formulario de préstamo, directamente na Casa do Concello ou no formulario en liña que aparece na web municipal.