NOTICIAS A LIMIA | Sandiás pechará o pavillón cun investimento de 350.000 euros
“Sei o que fai falta en Sandiás; o difícil é conseguir financiamento para facelo”, di Felipe Traveso, alcalde co apoio da maioría que representa AGRELSAN. Neste mandato, Traveso ten unha lista longa de proxectos. O inmediato é pechar o pavillón que está a carón do colexio e ampliar a instalación cuns vestiarios e un ximnasio. Conta cun orzamento de 350.000 euros, que financiarán a Secretaría Xeral para o Deporte, o Concello e a Consellería de Educación (80.000 euros cada institución) e a Deputación de Ourense, que achegará 110.000 euros.
O goberno local xa encargou o proxecto e espera ter rematadas as obras neste mesmo ano. Ademais do peche, habilitaranse gradas, vestiarios e un pequeno ximnasio. “Unha vez que se fai, facelo ben”, di Traveso, quen recoñece que as máquinas para o ximnasio quedan fóra do orzamento inicial, “mais xa lle buscaremos solución a iso”.
O alcalde pensa que entre os equipamentos que Sandiás precisa están un centro de día e un tractor para limpeza. “O tractor vai vir. Agora temos dous tractores compartidos con Trasmiras e Sarreaus, pero non chegan, somos concellos con moitos quilómetros de pistas e parcelarias”. Traveso recoñece que todas estas xestión son “complicadas” sendo unha corporación formada por un grupo independente e fóra da estrutura dos grandes partidos. “Se conseguimos todo iso, pois... descansaremos”.
Mais o goberno municipal difundiu onte mesmo un comunicado no que fai unha relación de logros. Entre eles, o arranxo do tanque de auga e o tellado na aldea de Arcos; a limpeza dos xardíns ao carón da Casa do Concello e roza manual de diferentes zonas nas aldeas; o arranxo da beirarrúa e o valo á beira do río Piñeira na Nacional 525 (“reforma levada a cabo polo Obradoiro de Emprego conxunto entre Xinzo e Sandiás”, puntualiza a nota de prensa); a limpeza dos pozos da ETAP no Tesiño (Cardeita); a rehabilitación do miradoiro 1 de aves situado nas Areeiras de Sandiás; e a terminación da Vivenda Social de Santa Ana e acondicionamento interior da mesma.
Tamén lembra o goberno que durante este mandato a corporación aprobou o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible co obxectivo de frear o cambio climático.