O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, clausuraban a décimo cuarta edición dos premios ao desenvolvemento rural, promovidos pola Consellería a través da AGADER. Un acto, celebrado no convento de San Domingos de Bonaval.
No eido do interese social, a Asociación Centro de Desenvolvemento Rural O Viso foi galardoada polo seu proxecto integral de intervención comunitaria na comarca da Limia; un recoñecemento ó seu labor, cuxo fin é facer do rural non só un medio visitable, senón tamén habitable e habitado.
O obxectivo destes premios é recoñecer aquelas iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada. Conta con oito categorías; entre elas a recibida polo CDR O Viso, a de interese social, que premia aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado das persoas maiores.
Antonio R. Corbal, voceiro do CDR O Viso, agradecía o premio: "Porque somos o que agradecemos, velaquí un recoñecemento a todas as persoas que ó longo destes 38 anos fixeron e seguen a facer posible o que nos parece necesario: coidar as persoas, coidar a terra, coidar a comunidade. Graciñas; grazas tamén ás entidades e administracións que nos posibilitan os medios e nesta ocasión a AGADER por apreciar a nosa candidatura merecedora deste galardón".