jueves. 21.11.2024

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, deu a coñecer o novo programa da Axencia Tributaria que ofrece xa nesta campaña ás persoas maiores dos concellos rurais de Galicia a posibilidade de facer por videochamada a súa declaración da renda. Pedro Blanco desprazouse ata Taboadela para supervisar a posta en marcha desta iniciativa en Galicia, que estará dispoñible para as 34.000 persoas maiores de 65 anos residentes nos 52 concellos adheridos á iniciativa, todos eles de menos de 3.000 habitantes. 


 
Pedro Blanco enmarcou esta iniciativa nas políticas do Goberno por achegar á cidadanía dos pequenos concellos os servizos e xestións da Administración Xeral do Estado. Detallou que este novo servizo súmase aos existentes como a “Administración cerca de ti” ou o programa de carteiros rurais, ambos coa finalidade de que a cidadanía do rural, sobre todo a de maior idade, coñeza e teña a posibilidade de realizar trámites desde a súa localidade.
 
 
A Axencia Tributaria mostra a súa sensibilidade colas persoas maiores que residen en núcleos dispersos, “cuxo benestar está garantido con iniciativas coma esta, que permiten que estas persoas non pasen por momentos difíciles ao intentar facer algo tan cotián como a súa declaración da renda, ou non se teñan que desprazar a unha cidade para recibir axuda”, en palabras de Miguel Cárcaba.

Funcionamento do programa

O servizo de confección de declaracións por videochamada poderá solicitarse a partir do 7 de maio, nas respectivas casas consistoriais e a través da sede electrónica da Axencia Tributaria, xunto co resto de servizos de asesoramento que ofrece. No momento en que un veciño ou veciña destes concellos solicite cita para facer a declaración da renda, ofreceráselles facela a través de videochamada. Coa cita xa na man, tan só terán que achegarse ao concello para ser atendidos por persoal da Axencia Tributaria. Na mesma videochamada xa poderá deixar presentada a súa declaración.
 
Ademais da posibilidade de pedir cita na sede electrónica, a Axencia Tributaria ofrece estes teléfonos de cita con atención persoal: 91 553 00 71 o 901 22 33 44 (de luns a venres, de 9 a 19 horas).

Concello adheridos

En Galicia hai 52 concellos beneficiarios deste servizo polo momento, nesta primeira fase piloto: 8 concellos da provincia de A Coruña; 19 na provincia de Lugo; 18 na provincia de Ourense; e 7 na provincia de Pontevedra. Os concellos ourensáns adheridos son: A Arnoia, A Pobra de Trives, Avión, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Entrimo, Laza, Lobios, Melón, Muíños, Riós, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, Taboadela, Vilamarín, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía.

NOTICIAS A LIMIA | En Sarreaus, os maiores de 65 anos poderán facer a declaración da...