NOTICIAS A LIMIA | Adestramento en educación respectuosa en Lodoselo
No CDR O Viso apostan por crear unha rede limiá de apoio e axuda entre familias e profesionais no ámbito da atención á infancia. Hai traballo avanzado. Unha base. Está o PAI de Vilar de Santos e está Remedios Cid. Onte houbo un encontro en Lodoselo con nais e pais, con formadores e coidadores.
“Son centros de atención á infancia aqueles equipamentos que, calquera que sexa a súa denominación, organizan o coidado dos nenos/as no seo dun grupo co fin de contribuír ao seu benestar e ao seu proceso evolutivo, facilitando a conciliación da vida laboral e familiar das familias mediante a garda e custodia”, di un decreto da Xunta de xullo de 2005.
Baixo ese paraugas creáronse no país varios Puntos de Atención á Infancia. O de Vilar de Santos está dirixido por Remedios Cid, mestra e educadora de familias, que en Lodoselo (Sarreaus), coa organización do CRD O Viso, unha xornada formativa baixo o título Medrando con cambio de mirada.
Foi unha sesión teórico-práctica intensiva durante todo o día desde o enfoque da disciplina positiva, “que ben sabemos que non é aplicable exclusivamente á infancia, senón que había aplicarse a toda persoa: axudar a sentirnos conectados, sermos amables e firmes ó mesmo tempo –ser asertivos–, aprender habilidades sociais, emocionais e cognitivas, entre outras”, segundo manifestan desde O Viso nun comunicado que dá conta da actividade.
Diante dun grupo de 15 persoas, Cid insistiu en que “non se pode coidar se non nos coidamos”. Foi unha formación “máis alá dos conceptos e das prácticas, favoreceuse o autocoñecemento e o alento profesional e persoal”, informan os promotores.
O Viso desenvolve o programa O noso espazo: encontros de familia, parentalidade positiva e actividades educativas, financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da subvención con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas convocada no ano 2021.