CORONAVIRUS A LIMIA | A cifra de casos activos caeu un 82% desde máximos
Na Limia hai este venres 103 casos activos de covid-19. Son 51 menos que hai unha semana. A sexta onda declina. En Xinzo de Limia, o rexistro pecha a semana cunha redución dun 28% a respecto do venres pasado. E as estatísticas de incidencia tamén son alentadoras.
Na capital da Limia, o SERGAS informa de que nos últimos sete días anotáronse 41 novos contaxios, outra curva en descenso constante, aínda que lento. A incidencia a 14 días tamén segue a baixar, este venres os datos reflicten 103 novos casos nese período.
No resto da comarca, a cifra de hoxe suma 31 casos activos. Ningún en Baltar, apenas un en cada un destes tres concellos: Os Blancos, Calvos e Trasmiras; e dous en Porqueira, Sarreaus e Vilar de Santos. Os números son algo maiores en Rairiz (8) e Sandiás (11). Pero en todos os concellos, agás Vilar de Santos, as cifras están por baixo das de hai unha semana.
Así están os rexistros
BALTAR (variación =) 0 (activos)
OS BLANCOS (-1) 1
CALVOS DE RANDÍN (=) 1
PORQUEIRA (-2) 2
RAIRIZ DE VEIGA (+2) 8
SANDIÁS (=) 11
SARREAUS (=) 2
TRASMIRAS (=) 1
VILAR DE BARRIO (=) 3
VILAR DE SANTOS (=) 2
XINZO DE LIMIA (-8) 72
O máis salientábel desta última semana do mes de febreiro é que a cifra global xa descendeu nun 82% desde o pico que a sexta onda estableceu o 12 de xaneiro (600 casos; 430 só en Xinzo). Seis semanas despois, e malia a recuperación do ciclo completo do Entroido en Xinzo, a covid segue a diminuír na súa intensidade.